CRTVG

Buscar

O coruñés Jacobo Garrido, campión do mundo de natación adaptada: "Non agardaba o ouro"

Publicado o 16/09/2019 19:49

O coruñes Jacobo Garrido gañou a medalla de ouro na proba dos 400 metros libres, categoría S9, do campionato do mundo de natación adaptada. Foi a final máis igualada e unhas da de mellor nivel do mundial. Os catro primeiros entraron no mesmo segundo.

"Fomos os catro todo o tempo iguais. Ao final era o que mellor esprintara e cadrou que fun eu. Fun xustiño toda a carreira. Todos tiraban de min", recoñeceu Garrido.

Jacobo Garrido impúxose aos grandes dominadores da distancia: o australiano Brenden Hall, bicampión parolímpico e tricampión do mundo, e o italiano Federico Morlacchi, campión de Europa, e fóra do podio en Londres. 

"Non agardaba o ouro. Eu ía a loitar polo bronce. Vin que os dous mellores estaban mal, e fun con todo. Tentei ir polo carreiro catro para velos a todos. Ao final houbo sorte", dixo o nadador galego.

Con só 17 anos, e a piques de comezar segundo de bacharelato, Garrido quedou a 15 centésimas do récord de España, que non se bate desde hai 11 anos.

"Quen o ten estaba alí véndome e xusto era o día do seu aniversario. Estaba contento de que non o batera", explicou Jacobo.

Amigos, familiares e compañeiros do Club Natación Liceo e do Club do Mar recibiron o campión do mundo. O próximo obxectivo de Garrido serán os Xogos Parolímpicos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/09/2019