O coronavirus paraliza o deporte mundial
O deporte leva no pecado a penitencia. O amoreamento de afeccionados vai en contra das medidas de illamento que comezaron a ser inevitables na China a mediados de xaneiro por causa da epidemia desatada na provincia Wuhan.
O 20 de xaneiro quedaba suspendido o Campionato do Mundo de Atletismo en pista cuberta que tiña que disputarse en Nanjing. Alí tiñan previsto acudir atletas galegos. Case de inmediato foi anulada a Copa do Mundo de esquí que tiña o quince e o dezaseis de febreiro como datas de celebración.
O andazo de cancelacións comezou a acelerar a súa progresión coa suspensión dos grandes premios de Qatar e de Tailandia de MotoGP o día trinta, cando xa se sumaban 170 mortos. O suroeste asiático e toda a Oceanía entraba na zona de influencia e repercusións deportivas do coronavirus. O doce de febreiro caía aprazado o Gran Premio da China de Fórmula 1 e no Golfo Pérsico Bahrein anunciaba a disputa da súa proba automovilística a porta pechada o 22 de marzo.
Do motor ao ciclismo. O Tour dos Emiratos Árabes foi suspendido o 27 de febreiro cando lle quedaban dúas etapas por disputarse e a clásica París-Niza correuse sen público en saída e chegada. Ese mesmo día a organización do Masters 1000 de Indian Wells anunciaba a cancelación do torneo de tenis estadounidense para evitar os contaxios con COVID-19. O tenis sumábase ao resto dos deportes en fase de preocupación e co fútbol á expectativa.
Duraron pouco as dúbidas. O mesmo mércores nove de marzo Italia anuncia o fecho para todos os eventos deportivos, mesmo a Serie A. O Calcio blindábase ata o 3 de abril, como mínimo, no país que está a padecer o foco máis activo da pandemia logo da China. Quedaba por saber como reaccionaban as grandes ligas e os torneos de elite. Despois de non poucas erráticas decisións como partidos a porta pechada e celebracións fóra do estadio, suspéndese a Europa League e a Champions vai polo camiño. Unha fervenza de decisión drásticas afecta xa a todos os deportes. E as Olimpiadas, malia o encendido hoxe do facho, perigan máis ca nunca.