CRTVG

Buscar

O coronavirus deixa máis de 400.000 infectados e 18.000 mortos no mundo

Publicado o 25/03/2020 19:41
O coronavirus infectou ata o momento 413.467 persoas no mundo e causou 18.433 mortes, segundo os últimos datos que manexa a Organización Mundial da Saúde (OMS). Nas últimas vinte e catro horas houbo case 41.000 casos adicionais, e 2.200 persoas máis perderon a vida debido a este virus altamente patóxeno e contaxioso. Os países e territorios afectados son 196, o que significa que o COVID-19 chegou case a todos os recunchos do mundo.
Algúns deles son arquipélagos de Oceanía, así como países que sofren conflitos armados, o que fai difícil saber exactamente o que pasa neles. A  China mantense como o país con máis afectados, 81.848, e hoxe informou de 47 novos contaxios, todos eles de viaxeiros procedentes do exterior. Italia segue sendo o segundo país máis golpeado por esta pandemia, con máis de 74.000 casos, segundo datos das autoridades nacionais de sanidade. En Estados Unidos a transmisión do coronavirus acelerouse nos últimos días e é o terceiro país do mundo con máis casos, con máis de 52.000.
O número de mortos por coronavirus en Italia supera os 7.500

Italia segue sumando vítimas mortais. Camións do exército italiano trasladan a incinerar os cadáveres da morea de vítimas do COVID-19 que se acumulaban desde hai días nunha igrexa de Bérgamo. O país sumou outras 683 vítimas nas últimas 24 horas. Son menos ca o día anterior. E as novas infeccións baixaron por cuarto día consecutivo. O número de falecidos é de 7.503.

O coronavirus xa causou 19.000 mortes no mundo. Os infectados superan os 440.000 en 187 países. Pero a resposta é irregular. A maioría dos gobernos adoptan medidas de control da mobilidade e distanciamento social. Outros, como o presidente brasileiro, frivolizan coa pandemia. "É como unha gripiña", dixo Bolsonaro tras instar os gobernadores rexionais que si adoptan medidas a retiralas decontado.

Putin apraza o referendo sobre a súa continuidade para frear o coronavirus

O presidente ruso, Vladímir Putin, aprazou hoxe o plebiscito constitucional, do que depende que siga no Kremlin despois de 2024, e chamou a poboación para quedar na casa para frear a ameaza dunha "rápida" propagación do coronavirus. 
Putin admitiu que, aínda que Rusia xa pechou a finais de xaneiro a fronteira coa China, é "obxectivamente imposible conter totalmente" a entrada do coronavirus en territorio ruso.  Putin decidiu dirixirse aos rusos por vez primeira desde o estalido da crise despois de que o grupo de traballo encargado de combater a pandemia admitise o martes de que a situación en Moscova, onde hoxe aumentaron en 120 os casos (ata 410), é moito máis "seria" do que se prevía nun primeiro momento.
As autoridades tamén recoñeceron que as cifras de positivos en Rusia, 658 a día de hoxe, non reflicten a situación real en moitas rexións do país, onde a escaseza de exames converteuse nun problema perentorio. Pouco despois da intervención presidencial confirmáronse os dous primeiros mortos por COVID-19, un ancián de 88 anos e outro de 73 que faleceron en Moscova.

Hubei pon fin ao confinamento

E mentres, a vida volve ao que foi epicentro da pandemia. A provincia chinesa de Hubei, agás na capital, puxo fin a dous meses de confinamento. As vilas e cidades recuperan o pulso. E os que estaban fóra durante o bloqueo volven á casa a reencontrarse cos seus.