A aldea natal de Florencio Delgado Gurriarán celebra a homenaxe nas Letras de 2022
'Corgomófilo', dise do que ama ou sente afección por este lugar. Corgomófilo ou o que é o mesmo, Florencio Delgado Gurriarán, poeta, editor e activista político e cultural que naceu e viviu nesta casa de Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras. No día en que sabemos que será homenaxeado nas nosas Letras do 2022, no lugar ao que lle declarou o seu amor recórdano con especial ilusión.
Paseando demos con outro 'Corgomófilo' que é ademais 'Florenciomófilo'. El e moitos máis que levan 20 anos loitando nun proxecto común: que Florencio Delgado Gurriarán fose homenaxeado no Día das Letras Galegas. Comezaron con xornadas de teatro, música e poesía e acabaron no 2016 co proxecto 'As Letras de Florencio'. Todos, xuntos, os de antes e os de agora, conseguírono.
En México, lonxe de Córgomo, foi bardo no exilio. Fundador da revista Vieiros, tradutor, avogado. Membro non numerario da Real academia Galega. Poeta e sempre poeta, non por casualidade dedicou gran parte dos seus versos á comarca de Valdeorras. O lugar onde, sen dúbida, máis celebran hoxe a homenaxe das Letras Galegas.