CRTVG

Buscar

O COP25, un evento máis sustentable sen botellas nin vasos de plástico

Publicado o 02/12/2019 14:53

Din que o que ten que caracterizar este cumio de Madrid é que hai que pasar xa da concienciación á acción para asegurar a sostibilidade do planeta. E nese empeño por actuar de inmediato, a organización empezou por marcar unhas dinámicas máis ecolóxicas do habitual neste tipo de macroeventos. Á hora de validar a súa acreditación, esta mañá cada un dos inscritos recibiu unha caixiña de materiais prácticos que incluía unha botella de cristal que poderán reencher cando o precisen en calquera das fontes distribuídas nos máis de cen mil metros deste recinto plurinacional de 197 países. É un pequeno xesto, pero tendo en conta que hai unhas 30.000 persoas acreditadas no cumio o efecto desta medida de loxística básica adquire outra dimensión.

Outra maneira de minimizar o uso do plástico nesta ONU provisional é que os cafés se serven en vasos de cartón e que as culleres son de madeira. No recinto é doado atopar espazos de eliminación de lixo selectivo ou vexetación en plena vitalidade para decorar os espazos de exposición. Para minimizar o impacto da mobilidade de toda esta xente, no aparcadoiro hai enchufes para os coches eléctricos e ademáis cada un dos acreditados recibe unha tarxeta para poder circular libremente no transporte público durante os cinco días do evento.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/12/2019