O control do Parlamento venezolano agrava a crise entre o chavismo e a oposición
Agrávase a crise política e institucional en Venezuela. A oposición considera ilegal a polémica elección dun novo presidente da Asemblea Nacional que se realizou co Parlamento militarizado e tras a desercición de trinta deputados opositores.
O control do Parlamento intensificou a guerra entre o chavismo e a oposición. Juan Guaidó ía ser reelixido presidente da Asemblea este domingo, pero os militares impedíronlle a entrada no edificio lexislativo.
El e outros cen deputados trasladáronse entón ata a sede dun xornal para improvisar unha asemblea e votar alí á súa reelección.
Mentres, no interior do Parlamento escenificábase a ruptura do movemento opositor coa deserción de trinta deputados que se uniron ao chavismo para elixir a Luis Parra como novo presidente. E así comezou o cruzamento de acusacións.
A crise agrávase sen que se saiba quen ocupa realmente a presidencia do Parlamento.