Científicos españois corroboran que a principal vía de contaxio da covid-19 son os aerosois
Un informe de científicos españois encargado polo Ministerio de Ciencia constata as evidencias: a transmisión do coronavirus por aerosois é a dominante e a máis habitual.
A falta de que a Organización Mundial da Saúde o ratifique explicitamente, varios países, como os Estados Unidos, Alemaña, o Reino Unido e agora España corroboran o que viñan avanzando os expertos, e é que ao respirar, falar, tusir ou esbirrar é cando máis probabilidades existen de que unha persoa contaxiada transmita a enfermidade.
Iso é así porque ao facelo emitimos dous tipos de partículas:
- Gotículas, que poden contaxiar por impacto con nariz, boca ou ollos, na súa caída ao chan a unha distancia menor de dous metros.
- Aerosois, que contaxian por inhalación e que se desprazan ata máis de dous metros desde a emisión.
De aí a importancia de manter as distancias, procurar realizar actividades no exterior ou, no seu defecto, en lugares ben ventilados, e utilizar a máscara ben axustada á cara.