O Consello Consultivo ve inconstitucional parte da Lei de cambio climático

O Consello Consultivo de Galicia emitiu un informe en que considera "inconstitucional" parte do articulado da Lei de cambio climático, unha norma envolta nunha polémica a dúas bandas entre o Goberno central e a Xunta pola súa suposta afectación ao sector conserveiro e industrial do litoral galego e, en concreto, á situación de empresas como Ence en Pontevedra.
O informe, segundo indicou a Xunta, afecta precisamente o artigo 18.4 desta norma, o punto máis criticado pola Administración galega pola súa suposta afectación ás prórrogas das concesións do tecido empresarial que se atopa no dominio público marítimo terrestre e concedidas antes da súa entrada en vigor.
O Consello Consultivo considera que a redacción deste artigo terá consecuencias nese réxime de prórroga extraordinaria que contempla a vixente Lei de costas e, por iso, limitará o prazo de ata 75 anos que permite esta normativa ao ter unha "evidente eficacia retroactiva tácita".
O organismo sinala que ese foi o propósito do Goberno central e que así se desprende da propia Lei de cambio climático, polo que o artigo afectará tanto os prazos de duración destas concesións e das prórrogas outorgadas antes da súa entrada en vigor, como tamén á validez que os actos administrativos ditados ao amparo do texto anterior. En definitiva, engade a Xunta, o informe conclúe que o punto 18.4 da lei é inconstitucional por vulnerar "o principio de seguridade xurídica" que recolle o artigo 9.3 da Constitución.
O Goberno galego, pola súa banda, destacou que o Consultivo corrobora os argumentos esgrimidos pola súa asesoría xurídica para xustificar a eliminación do citado artigo da norma. A Xunta remitira devandito informe ao Goberno central xunto a unha misiva para advertir que ese punto é "frontalmente inconstitucional", ademais de determinar que este apartado da norma e o 18.3 son "contrarios á seguridade xurídica".
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, instou o Goberno central a "deixar de mentir, de manipular e enganar" o sector e a retirar xa os artigos 18.3 e 18.4 da Lei de cambio climático.