CRTVG

Buscar

O Constitucional suspende o Plan de acción exterior de Cataluña

Publicado o 30/10/2019 12:44
O Constitucional suspende o Plan de acción exterior de Cataluña

O Tribunal Constitucional suspendeu este mércores o Plan de acción exterior de Cataluña como reclamou o Goberno en funcións de Pedro Sánchez, que considera que esta iniciativa excede o seu ámbito de actuación e non respecta a competencia do Estado en materia de coordinación de acción exterior.

Nunha providencia, o pleno do tribunal de garantías atende por unanimidade a suspensión cautelar solicitada polo Executivo e avalada polo Consello de Estado contra o plan estratéxico de acción exterior e relacións coa UE 2019-2022, aprobado o pasado 25 de xuño.

Fíxoo unha vez que o Goberno invocou o artigo 161,2 da Constitución para que se produza a suspensión inmediata despois de que o Executivo catalán contestase negativamente o requirimento de incompetencia que se lle remitiu en agosto.

A suspensión ten efecto desde o 28 de outubro, cando o Executivo interpuxo o conflito positivo de competencia. Agora, o TC dá traslado ao Goberno da Generalitat para que achegue os documentos e alegacións que considere oportunas.

O Executivo central acordou o pasado día 18 impugnar ante o tribunal de garantías ese plan de acción exterior da Generalitat ao entender que menoscaba as competencias do Estado en política exterior vulnera o principio de lealdade constitucional no exercicio das competencias propias.

Como argumentou entón a portavoz do Goberno central, Isabel Celaá, o plan non menciona outros suxeitos da acción exterior, obvia a necesidade de coordinala e omite toda referencia ao Estado e á función de coordinación que realiza.

E todo iso enmarcado no contexto no que foi aprobado, que, en palabras do Consello de Estado citadas pola portavoz, é o de "un proceso independentista que pretende o desprestixio da imaxe internacional de España".

O Goberno central fixo en agosto un requirimento ao da Generalitat no que lle advertía desas cuestións, pero o conseller de Acción Exterior, Alfred Bosch, respondeu que a súa política exterior é "plenamente legal, lexítima e necesaria" e que non ía mover "nin unha coma" do mesmo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí