CRTVG

Buscar

O Constitucional dá un novo golpe ao imposto municipal de plusvalía

Publicado o 26/10/2021 16:03

• Facenda prepara unha nova normativa de cálculo do imposto

O Tribunal Constitucional declarou este martes a inconstitucionalidade e a nulidade de varios aspectos do cálculo do imposto municipal de plusvalía, xa que determinan que sempre se produciu unha revalorización dos terreos durante o período de imposición, con independencia de que exista e do valor real.

En consecuencia, declarou a inconstitucionalidade e nulidade dos artigos 107.1 segundo parágrafo, 107.2.a) e 107.4 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.   

A sentenza considera que estes preceptos son inconstitucionais e nulos porque "establecen un método obxectivo de determinación da base impoñible do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana que determina que sempre exista aumento no valor dos terreos durante o período da imposición, con independencia de que exista ese incremento e da contía real dese incremento", indica o Tribunal de garantías un comunicado.

O ditame, que conta co voto particular concorrente do presidente do Constitucional, Juan José González Rivas, e os votos discrepantes do maxistrado Cándido Conde-Pumpido e da maxistrada María Luisa Balaguer, coñecerase integramente nos próximos días.   

É a terceira sentenza que dita o TC sobre o imposto de plusvalía. En 2017, declarou inconstitucional someter a tributación situacións de inexistencia de incrementos de valor e en 2019 fixo o mesmo "naqueles supostos nos que a cota a pagar é superior ao incremento patrimonial".

Facenda prepara un borrador para reformular o sistema de cálculo

O Ministerio de Facenda prepara "un borrador legal" para reformular o sistema de cálculo da plusvalía municipal, anulado hoxe polo Tribunal Constitucional. Facenda quere garantir a constitucionalidade do sistema e o financiamento dos concellos e, con ese fin, e "á espera da publicación íntegra da sentenza, ultima un borrador legal para ofrecer seguridade xurídica a contribuíntes e entidades locais", segundo unha nota que divulgou esta tarde. 

Noticias web

26/10/2021