CRTVG

Buscar

O Constitucional avala que os menores transexuais poidan rexistrarse co seu novo xénero

Publicado o 19/07/2019 12:30

O Tribunal Constitucional avala que calquera menor con suficiente madurez e en situación estable de transexualidade poida solicitar o cambio de sexo no Rexistro Civil. Isto permite modificar os datos que aparecen no DNI para adaptalos ao sexo co que se identifica. Unha noticia que acollen con satisfacción na asociación Arelas, de familias de menores trans.

Cristina Palacios, presidenta de Arelas: "É un momento histórico. O Constitucional di algo polo que desde Arelas levamos anos loitando: que é inconstitucional negarlles o dereito aos menores para cambiar o nome e o sexo no seu DNI porque se está vulnerando a súa intimidade e o seu dereito ao libre desenvolvemento".

Ata agora a asociación logrou nove cambios de sexo en menores, pero a decisión dependía do criterio de xuíz ou do fiscal. A sentenza do Constitucional supón un avance neste sentido.

Cristina Palacios, presidenta de Arelas: "Entendo que a partir de agora esta arbitrariedade vai desaparecer e a partir de agora se lles vai conceder a todos os menores".

En Galicia hai cinco menores agardando polas súas resolucións. Na asociación esperan que non teñan ningún problema.

Noticias web

19/07/2019