CRTVG

Buscar

O Constitucional anula o imposto municipal sobre as plusvalías

Publicado o 17/02/2017 20:50

Este tributo grava a revalorización dos inmobles cando son vendidos, pero na práctica abónase sempre, aínda que perderan valor

Atención a esta sentenza, porque pode ter efectos nos nosos petos e nos orzamentos dos concellos. O Tribunal Constitucional cuestiona o imposto municipal da plusvalía. Considera inxusto tributar sempre pola transmisión dun inmoble, mesmo nos casos de perda de valor. A resolución xudicial afecta a facenda vasca, pero abre a porta a reclamacións en toda España.

O imposto sobre a plusvalía é, co IBI, unha das principais fontes de ingresos dos concellos. Cóbrase cando unha casa ou terreo cambia de mans: en teoría, grava o beneficio que sacou o vendedor, pero na práctica pasa algo moi diferente. O imposto calcúlase multiplicando o valor catastral do solo polo número de anos nos que o vendedor foi propietario. Por tanto, o resultado sempre dá positivo. Iso é o que cuestiona o Tribunal Constitucional. Di que non se pode cobrar un imposto a quen non obtivo beneficio, algo frecuente nas operacións inmobiliarias desde o estoupido da crise. 

"Todos aqueles suxeitos que compraron ata finais de 2007 e venderon a posteriori por calquera vía, sexa dación en pagamento, sexa transmisión onerosa, van experimentar unha posibilidade importante de recuperar todo o abonado", explica o avogado Carlos del Pino.

O veredicto do Constitucional refírese á unha norma tributaria de Guipúscoa, polo que non ten repercusión nacional, pero si apunta por onde irán os tiros cando se resolvan cuestións semellantes pendentes de sentenza. En calquera caso, as organizacións de consumidores animan a reclamar diante dos concellos a devolución dese imposto cando o propietario non gañou nada coa venda. A propia sentenza insta ao Parlamento a modificar a lei para facer un tributo máis xusto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/02/2017