CRTVG

Buscar

O Constitucional ampara a César Strawberry ante a súa condena por enaltecemento

Publicado o 25/02/2020 17:24
O Constitucional ampara a César Strawberry ante a súa condena por enaltecemento

O Tribunal Constitucional (TC) acordou amparar o cantante de Def con Dos, César Strawberry, que foi condenado polo Supremo a un ano de cárcere por un delito de enaltecemento do terrorismo ou humillación das vítimas por mor de varios comentarios en Twitter, segundo informan a Efe fontes xurídicas. O pleno do tribunal de garantías estimou o recurso que interpuxo César Augusto Montaña Lehman, coñecido como César Strawberry, contra a condena que lle impuxo o Supremo despois de que fora absolto en primeira instancia pola Audiencia Nacional.

Nos chiós obxecto de acusación aludiu, entre outras persoas, ao funcionario de prisións secuestrado por ETA José Antonio Ortega Lara: "Habería que secuestralo agora". Tamén aos GRAPO, e afirmou: "O fascismo sen complexos de Esperanza Aguirre faime estrañar ata os GRAPO".


César Strawberry agradeceu os apoios recibidos "nestes anos de persecución". Foron dez os maxistrados do Pleno do Constitucional os que deron finalmente o seu apoio maioritario ao relatorio do progresista Juan Antonio Xiol, favorable a conceder o amparo ao cantante, aínda que un deles, Alfredo Montoya, votou en contra, segundo confirmaron a Europa Press fontes xurídicas.