CRTVG

Buscar

O Constitucional alemán cuestiona o programa de compra de débeda do BCE

Publicado o 05/05/2020 21:32

O Banco Central Europeo (BCE) dixo hoxe que "toma nota" da sentenza do Tribunal Constitucional alemán que cuestiona o seu programa de compras de débeda pública da zona do euro. Tras reunirse de forma extraordinaria con carácter de urxencia por teleconferencia, o Consello de Goberno do BCE dixo que segue "completamente comprometido co seu mandato".

O Constitucional alemán considera que o programa de compras de débeda pública do BCE é legal, pero pide á entidade que aclare a proporcionalidade das súas medidas de política monetaria. Tamén ordena ao Bundesbank que deixe de comprar débeda en tres meses se o BCE non xustifica que as compras son proporcionadas.

O Consello de Goberno do BCE recibiu unha información preliminar do gobernador do Bundesbank e do departamento legal do propio BCE. "O Consello de Goberno segue completamente comprometido en facer todo o que sexa necesario dentro do seu mandato para asegurar que a inflación sobe a niveis consistentes co seu obxectivo a medio prazo e que a acción de política monetaria adoptada para lograr o obxectivo de manter a estabilidade de prezos se transmite a todas as partes da economía e a todas as xurisdicións da zona do euro", dixo o BCE nun comunicado.

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea sentenciou en decembro de 2018 que o BCE actúa dentro do seu mandato, que é garantir a estabilidade de prezos. Con todo, o Constitucional alemán considerou este martes que as compras de débeda pública do BCE, coas que freou a partir de 2015 a subida das primas de risco de países como España e Italia, son parcialmente contrarias á Constitución do país.

A sentenza do alto tribunal sinala tamén que hai efectos económicos secundarios para os aforradores alemáns polos baixos xuros ou que se logra a supervivencia de empresas que non son solventes. E considera que o Goberno e o Parlamento alemáns deberían cuestionar se as compras de bonos do BCE eran proporcionadas.

A Comisión Europea lembrou que as decisións do Tribunal de Xustiza da Unión Europea son vinculantes para todos os tribunais nacionais. O presidente do Bundesbank, Jens Weidmann, dixo que, "na súa sentenza, o Tribunal Constitucional destaca calidades importantes do programa de compra de débeda pública, que, en xeral, asegura unha marxe de seguridade suficiente ao financiamento monetario aos gobernos". "Respecto á independencia do Consello de Goberno do BCE, apoiarei os esforzos para cumprir estas esixencias", dixo.

O ministro de Finanzas alemán, o socialdemócrata Olaf Scholz, dixo que a sentenza non cuestiona a unión monetaria europea, que é agora máis necesaria na crise pola pandemia do coronavirus. Coas compras de débeda pública o BCE e os bancos centrais nacionais, tamén o Bundesbank, fan presión á baixa sobre os tipos de xuro a longo prazo. Isto axudou a Alemaña a refinanciarse a tipos de interese moi baixos, mesmo, negativos. Deste xeito, o Goberno alemán puido cumprir o obxectivo de déficit cero, o famoso Schwarzer Null, que está tamén na Constitución alemá e é sacro.

Noticias web

05/05/2020