CRTVG

Buscar

O Consello de Seguridade apoia que Guterres continúe á fronte da ONU

Publicado o 08/06/2021 17:38
O Consello de Seguridade apoia que Guterres continúe á fronte da ONU
EFE

O Consello de Seguridade da ONU recomendou este martes a reelección de António Guterres como secretario xeral da organización para un segundo mandato de cinco anos, que comezaría o próximo mes de xaneiro.

Esta recomendación, o paso máis importante na designación do xefe de Nacións Unidas, pasará agora á Asemblea Xeral, o órgano no que sentan os 193 Estados membros, que debe ratificar o nomeamento.

Guterres non ten oposición oficial por parte de ningún outro candidato, polo que a súa continuidade á fronte da ONU dáse por feita desde hai algún tempo e prevese que se faga oficial a próxima semana.

O Consello de Seguridade reuniuse este martes a porta pechada para pronunciarse sobre a reelección do diplomático portugués, que chegou ao cargo en 2017 e que segue contando co apoio das cinco potencias con poder de veto (Os Estados Unidos, A China, Rusia, Francia e o Reino Unido).
A recomendación do Consello foi aprobada por aclamación, segundo dixo aos xornalistas o presidente de quenda do órgano, o estoniano Sven Jürgenson, ao terminar o encontro.

"Todos vimos o secretario xeral en acción e creo que foi un excelente secretario xeral", sinalou o diplomático, que destacou o carácter de "construtor de pontes" do portugués e a súa capacidade para "falar con calquera"."Demostrou ser digno do posto durante o cinco anos que leva no cargo", subliñou Jürgenson.

Tras a decisión de hoxe, a Asemblea Xeral debe facer oficial o nomeamento nunha reunión plenaria que, segundo fontes diplomáticas, espérase que teña lugar o 18 de xuño.

Antes de chegar á xefatura da ONU, Guterres -que ten 72 anos- foi durante unha década alto comisionado de Nacións Unidas para os Refuxiados e, anteriormente, fora primeiro ministro de Portugal (1995-2002). 

 

Noticias web

08/06/2021