CRTVG

Buscar

O Consello de Ministros prevé aprobar hoxe o Plan de Recuperación

Publicado o 27/04/2021 08:17

O Consello de Ministros prevé aprobar hoxe o Plan de Recuperación, que remitirá á Comisión Europea este venres, co paquete de reformas e investimentos que pretende impulsar España para canalizar os 140.000 millóns de fondos europeos de reconstrución que recibirá ata 2026. A parte máis controvertida, que está sen pechar, é a das reformas das pensións e do mercado laboral, que o executivo quere pactar cos axentes sociais. 

O venres é a data límite para enviar a Bruxelas o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que recolle en total 212 medidas, das que 110 son investimentos e 102 reformas para o período 2021-2023, comprometidas coas autoridades comunitarias para recibir os fondos europeos. Entre elas, as referentes ao mercado laboral, pensións e impostos, reformas que quedan abertas, pendentes de negociarse na mesa do diálogo social con patronal e sindicatos.

Nadia Calviño, vicepresidenta de Asuntos Económicos. "Desde logo, non son reformas doadas. Nin negociacións doadas. Se non, xa se terían feito. Vimos arrastrando desde o ámbito laboral unha serie de desequilibrios desde hai catro décadas que as sucesivas reformas non conseguiron solucionar".

Na CEOE insisten en rexeitar todos os cambios propostos polo ministerio de Traballo na reforma laboral de 2012.

Íñigo Fernández de Mesa, vicepresidente da CEOE: "A nosa mensaxe é que non se cambie o que está funcionando e que está facendo que a economía funcione".

Se están atascadas as negociacións da reforma do mercado laboral, tamén están encalladas as referentes á reforma das pensións, porque patronal e sindicatos non aproban as medidas propostas polo ministro Escrivá. Daquela, empresarios e sindicatos prevén negociacións difíciles para as vindeiras semanas.

Con todo, no Executivo son optimistas con que Bruxelas valide o plan español e que en xuño aprobe os plans de recuperación para recibir xa en xullo un primeiro desembolso a modo de anticipo de 9.000 millóns de euros e outros 16.000 millóns a finais de ano.

O venres tamén se enviará á Comisión Europea o preceptivo plan de estabilidade que deben remitir todos os estados antes do día 30. O documento incluirá a senda de déficit público ata 2024 e o novo cadro macroeconómico do Goberno, coa previsión de crecemento do PIB para 2021 rebaixada ao 6,5 %.

Noticias web

27/04/2021