CRTVG

Buscar

O Consello de Ministros aproba os presupostos e prevé aumentar a recadación

Publicado o 11/01/2019 08:57

Cada vez máis indicadores advirten dun empeoramento da economía. O Goberno confirmou que vai rebaixar a previsión de crecemento unha décima. Vaise plasmar esta mañá no documento de presupostos que vai aprobar o Consello de Ministros.  

Confirmouno a ministra de Economía. Di que España medrará menos porque os votos do PP no Senado obrigaron a deseñar as contas coa senda de déficit de Rajoy do 1,3%, fronte ao 1,8 que eles pretendían.

E para aumentar a recadación, anuncia que aprobarán os novos impostos, sobre transaccións financeiras e a taxa Google no Consello de Ministros da próxima semana. O que manteñen sen cambios son as previsións de emprego, cunha taxa de paro inferior ao 14% a final de ano. A ministra cre que o Goberno conseguirá os apoios para aprobar os presupostos, a pesar de que descarta un trato de favor para Cataluña.

Di que a situación económica permite abordar as grandes reformas que necesita España como a das pensións, para a que buscarán o maior acordo posible.

Reaccións

Podemos vixía que o proxecto de presupostos que se coñece este venres inclúa as medidas pactadas con eles en outubro. Tras reunirse coa ministra de Facenda, Pablo Echenique sae satisfeito. PP e Ciudadanos non esperan outra cousa que unhas contas deseñadas para contentar os plans do nacionalismo catalán. Esquerra Republicana decide este venres a súa estratexia. Joan Tardá lembroulle ao presidente da Generalitat que son autónomos e que o de Cataluña non é un executivo monocor, despois de que Quim Torra advertira o mércores que haberá crise de goberno se os independentistas deciden votar diferente en Madrid.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2019