O Goberno aproba o plan de recuperación que enviará a Bruxelas
O Consello de Ministros aprobou este martes o plan de recuperación, transformación e resiliencia que o Goberno prevé executar entre 2021 e 2023 con cargo aos fondos europeos. Son 2.000 folios coas reformas e investimentos por importe de 70.000 millóns de euros que se van presentar en Bruxelas.
A ministra portavoz, María Jesús Montero, explicou en rolda de prensa que o gabinete deu a autorización para remitir o documento á Comisión Europea dentro do prazo previsto que acaba o 30 de abril.
"Trátase do plan económico máis ambicioso que tivo o noso país e que ten que sentar as bases para que as futuras xeracións poidan vivir nun país mellor, máis sostible, máis produtivo e máis social", asegurou.
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, destacou na súa conta de twitter que o plan "brinda un horizonte de esperanza, progreso e benestar" ao apostar por "unha España verde, inclusiva, xusta e feminista".
Programas tractores
De acordo co que xa se coñece do plan, os 70.000 millóns repartiranse en 20 “programas tractores" que terán un efecto multiplicador sobre a economía superior a 1, é dicir, que por cada euro de investimento o PIB mellorará en máis dun euro.
A transición ao vehículo eléctrico a través dunha estratexia de mobilidade "sostible, conectada e segura" levará 18,85 de cada 100 euros, cun total de 13.200 millóns.
A segunda partida máis importante será para a rehabilitación de vivenda e rexeneración urbana (6.820 millóns), seguida da modernización das administracións públicas (4.315 millóns), a dixitalización das pemes (4.066 millóns) e a folla de ruta do 5 G (3.999 millóns).
A execución do plan permitirá sumar ao crecemento do PIB 2 puntos porcentuais de media anual en 2021 e 2022, en tanto que se xerarán uns 12 empregos por cada millón de euros investido, o que supón un total de 840.000 postos de traballo en tres anos.