CRTVG

Buscar

O Consello de Ministros aproba o decreto que aumenta as bolsas e rebaixa os requisitos académicos

Publicado o 21/07/2020 17:03
O Consello de Ministros aproba o decreto que aumenta as bolsas e rebaixa os requisitos académicos

O Consello de Ministros aprobou este martes o decreto que establece o aumento da contía das bolsas e os novos limiares de renda e patrimonio familiar e modifica os requisitos académicos de acceso para o curso 2020-2021. O Goberno incrementou un 22 % o orzamento de bolsas para o próximo curso 2020-21, co que as contías por bolsa aumentarán en 100 euros para o ensino postobligatoria non universitaria e os de grao e máster, e pasan a depender dun criterio de renda e necesidade económica e non de mérito académico.

Ademais, o limiar 1 dos beneficiarios equipárase ao limiar da pobreza e os requisitos académicos para obter a bolsa universitaria completa rebáixanse e iguálanse aos necesarios para obter a bolsa de matrícula. Só será necesario un 5 de nota no primeiro curso; para o segundo curso e posteriores, superar unha porcentaxe de créditos menor ao actual modelo e elimínase a nota media. O incremento total do Goberno é de 386 millóns de euros, dos que 207 millóns corresponden a ensinos non universitarios e 179 millóns ás universitarias.

Con este aumento, a cifra total investida no Sistema Estatal de Bolsas e Axudas ao Estudo é de máis de 1.900 millóns de euros, que beneficiarán a 625.514 estudantes o próximo curso, 372.240 son de niveis postobligatorios non universitarios e 252.274 universitarios de grao e máster. A medida de rebaixar os requisitos académicos universitarios fará que se beneficien 54.853 bolseiros de grao e a cobertura a familias con menos recursos, que pasarían do limiar 2 ao limiar 1, beneficiaría a 71.155 bolseiros de grao (65.627) e máster (5.528).

A ministra de Educación, Isabel Celaá, explicou nun comunicado que o obxectivo das bolsas e axudas ao estudo é garantir o dereito á educación de todas as persoas, non só o acceso senón tamén a permamencia no sistema educativo. "As bolsas perderan o seu carácter de dereito subxectivo e esta reforma devólvelles esa condición. É o primeiro paso dunha reforma máis profunda que logre máis e mellores axudas para quen máis as necesitan", subliñou.

Noticias web

21/07/2020