CRTVG

Buscar

O Consello de Ministros aproba hoxe a estratexia de vacinación contra a covid-19

Publicado o 24/11/2020 08:54

• A aplicación definitiva do plan dependerá de como evolucionen os medicamentos en marcha

• Ademais de persoal sanitario e maiores, o Goberno pretende vacinar primeiro as persoas con maior contacto social

O Consello de Ministros aproba hoxe a estratexia de vacinación da covid-19, da que xa se coñecen bastantes detalles. A aplicación definitiva do plan dependerá de como evolucionen os medicamentos en marcha.

Xa se sabe que se pretende utilizar a rede de atención primaria e que España conta con recibir o dobre das doses das necesarias para toda a poboación. E tamén, xa houbo as primeiras críticas ao anuncio estatal, que chegaron dende as comunidades autónomas.

O Consello de Ministros aprobará hoxe a estratexia de vacinación contra o coronavirus. Con todo, a letra pequena dependerá esencialmente de como vaian os medicamentos. Dentro do que se negocia en Europa, manéxase un portafolio de sete vacinas: cinco contan con contrato asinado ou acordado, as outras dúas están en fase moi avanzada. 

A situación excepcional fai que os tempos no desenvolvemento das vacinas se acurten. María Jesús Lamas incide en que o procedemento segue sendo seguro e fiable e que as axencias europeas do medicamento farán un esforzo extraordinario de farmacovixilancia durante todo o proceso.

Tras o Consello de Ministros, previsiblemente coñeceremos máis detalles desta estratexia. Pero xa se escoitaron as primeiras voces discordantes cara ao anuncio do plan estatal que fixo o domingo Pedro Sánchez: dende Madrid, Cataluña e o País Vasco.

Se todo vai ben, o Goberno confía en comezar a vacinar en xaneiro.

 

Noticias web

24/11/2020