O Goberno di que a prórroga dos ERTE e a suba do SMI son parte da "recuperación xusta"
Novamente un acordo in extremis entre Goberno e axentes sociais asegura a que podería ser a última prórroga dos ERTE, ata o 28 de febreiro. A fórmula actual estenderase ata o 31 de outubro. A partir de aí as empresas deberán activar os novos expedientes, vinculados á formación, que lles permitirán exencións de ata o 80 por cento. Tamén se amplía cinco meses a prestación por cesamento de actividade dos autónomos.
Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, aseguraba tras a reunión do Consello de Ministros que "nunca na historia da democracia do noso país existiu un mecanismo de protección do desemprego tan forte como o que estamos despregando". Díaz cualificou os acordos para subir o SMI, prorrogar dos ERTE e os mecanismos de activación no emprego, como parte da "recuperación xusta".
O Consello de Ministros tamén ratificou a suba do salario mínimo, en contra do criterio da patronal.
Gerardo Cuerva, presidente de Cepyme, explica: "Iremos medindo, un si ou un non non son permanentes. Sempre abertos á negociación, pero na defensa dos intereses económicos".
O Executivo conta co apoio dos sindicatos, pero advírtenlle a Yolanda Díaz que esta suba é insuficiente.
Pepe Álvarez, secretario xeral da UXT asegura que "parece que 15 euros é moito, pero así entre nós, é unha merda. O un de xaneiro ten que haber un SMI polo menos de mil euros".
Respecto da reforma laboral, o líder da UXT confía en que haberá unha derrogación antes de finais de novembro.