CRTVG

Buscar

O Consello de Europa advirte dunha caída no número de galegofalantes

Publicado o 11/12/2019 18:56
O Consello de Europa advirte dunha caída no número de galegofalantes

O número de persoas que falan galego está caendo, segundo advirte un informe do Consello de Europa sobre a protección en España das linguas rexionais ou minoritarias feito público este martes.

Este documento asegura que "diminuíu considerablemente" o número de alumnos que falan galego diariamente, e cualifica de "insuficiente" a presenza do noso idioma no ensino.

En concreto, o Comité de Ministros do Consello Europeo recoméndalles ás autoridades españolas que se levanten "as restricións impostas" ao ensino do galego en Galicia.

Outras linguas

· Éuscaro. O informe cualifica, en cambio, de "satisfactoria" a situación do éuscaro e compara o 71% de vascófonos de entre 16 e 24 anos na actualidade, fronte ao 62% en 2006 e o 25% en 1991. Con todo, recomenda reforzar o uso do eúscaro no sistema de saúde (Osakidetza) e na Ertzaintza.

· Valenciano. Do valenciano asegura que se atopa nunha "situación preocupante", sobre todo no marco da Administración do Estado e o sistema xudicial. Sinala que a Lei relativa á educación plurilingüe de 2018 "non é conforme" á Carta europea porque "imposibilita a aplicación de modelos de programas de inmersión". Recomenda que o ensino do valenciano se asegure en todos os niveis, así como o seu uso na economía e os servizos sanitarios e sociais.

· Catalán balear. Respecto ao catalán balear, o informe confirma o "profundo cambio" da política lingüística desde 2015, grazas á reinstauración da Dirección Xeral de Política Lingüística e á derrogación de leis e medidas que restrinxían o uso do catalán na administración.

· Catalán. O informe é moi crítico coa política lingüística de España respecto ao catalán e considera que a chamada Lei Wert prexudica o sistema de inmersión lingüística. "As autoridades centrais continúan impoñendo o castelán nun amplo abano de ámbitos", di o informe respecto ao catalán e pon como exemplos a sinalización de estradas, diplomas universitarios, deportes e publicidade.

Segundo o informe, o catalán conta co apoio das autoridades catalás "sen esquecer a importancia da educación plurilingüe", e engade que os alumnos terminan a educación obrigatoria cun bo dominio do catalán e o castelán.

Con todo, observa que a lei orgánica 8/2013, coñecida popularmente como Lei Wert cuestiona o modelo catalán ao reafirmar o dereito de recibir o ensino de materias non lingüísticas só en castelán e prexudica así "a inmersión e a conxunción lingüística".

Ademais, destaca que os instrumentos xurídicos adoptados pola comunidade autónoma para promover o uso do catalán en paralelo ao castelán son impugnados polos tribunais "sistematicamente".

Informe do Comité de Ministros

O informe aprobado polo Comité de Ministros, órgano de execución do Consello de Europa onde están representados os seus 47 Estados membros, avalía o grao de compromiso de España coa Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.

O texto baséase na visita que realizou unha delegación de expertos a España en decembro de 2018.

Destaca o informe "os numerosos casos documentados" por ONG de discriminación cara aos  catalanfalantes, en especial por parte da Policía Nacional.

O texto recomenda para o catalán e o resto de linguas cooficiais de España a modificación inmediata da Lei orgánica do poder xudicial para garantir o seu uso nos procesos xudiciais, se o pide unha das partes.

A segunda recomendación urxente é promover a utilización das linguas cooficiais no seo da Administración do Estado nas respectivas comunidades autónomas.