CRTVG

Buscar

O Consello de Administración do Deportivo pon o seu cargo a disposición de Abanca

Publicado o 08/02/2021 13:04

• Fernando Vidal: "Abanca amosounos a porta de saída"

O Consello de Administración do Deportivo pon o seu cargo a disposición de Abanca

Seis do sete conselleiros do Deportivo, entre eles o presidente, Fernando Vidal, puxeron o seu cargo a disposición do máximo accionista do club, a entidade financeira Abanca, que llo pediu a semana pasada. 

O dirixente, Fernando Vidal, compareceu na Cidade Deportiva de Abegondo xunto aos conselleiros Manuel Vázquez, José Luís Queijeiro, Ricardo González, Toño Armenteros e Eduardo Poncet, así como en nome de Argimiro Vázquez, que está en Madrid. 

O único que non presentou a dimisión é David Villasuso, empregado de Abanca ata que foi nomeado hai uns meses director xeneral do club. 

Vidal explicou que a semana pasada o máximo accionista trasladoulle o seu desexo de que o Consello de Administración dese "un paso a un lado" para que a entidade financeira Abanca poida "formar un Consello profesional"

Estas son algunhas das frases máis destacadas da conferencia de prensa de Fernando Vidal: 

"Envío unha mensaxe a Abanca: acatamos a decisión, pero gustaríanos que as formas fosen outras. Esta é unha empresa de sentimentos, é un modo de vida, é como unha relixión"

"Cando perdemos co Celta B, o Consello, a propiedade e a dirección deportiva crían que o mellor era o cesamento de Fernando Vázquez e eu puxen o meu cargo a disposición para que non se lle cesase"

"Non teño nin a menor idea do que significa profesionalizar o club nin quen será o novo presidente"

"Sinto o que está a pasar con Barral. El non é culpable, porque culpable é quen o fai a mala fe"