CRTVG

Buscar

O Consello da Cultura Galega recomenda manter o nome da ría de Ribadeo

Publicado o 05/05/2021 18:14
O Consello da Cultura Galega recomenda manter o nome da ría de Ribadeo
EFE

Un informe do Consello da Cultura Galega insta a manter "a forma patrimonial ría de Ribadeo", un documento que lle foi requirido pola Xunta tras a solicitude presentada polo Principado de Asturias ante o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para cambiar o nome oficial do estuario polo de ría do Eo. 

No informe, o Consello da Cultura Galega explica que a documentación e a cartografía histórica avalan a denominación actual e lembra que a “toponimia tradicional forma parte do patrimonio cultural inmaterial”.

O citado documento, aprobado na Comisión Executiva do CCG, con data de 3 maio, alega que “ría de Ribadeo é a forma que avalan a documentación e a cartografía históricas ao longo dos séculos. Informes anteriores sinalaron xa a constancia coa que se usa este topónimo en mapas e cartas náuticas realizadas en distintos séculos por autores de diferentes países, incluídos organismos oficiais”.

“Unha constancia que excede con moito o uso local e invalida o argumento de que poida tratarse dunha tradición exclusiva da beira occidental”, precisa. Con respecto á solución proposta polo Principado, o informe do CCG considera que “é unha acción de política lingüística que ten como efecto colateral introducir unha anomalía denominativa onde non a había”.

De feito, o informe ofrece unha mostra das pegadas históricas do topónimo na zona e apunta “a inconveniencia de alterar sen xustificación histórica as denominacións toponímicas”, porque a “toponimia tradicional forma parte do patrimonio cultural inmaterial e, por tanto, todos os organismos públicos están obrigados á súa protección”.