O Consello da Cultura Galega alterna o dixital e o presencial na programación de 2021
O Consello da Cultura Galega celebrou este xoves o pleno anual ao que asiste o presidente da Xunta. As medidas anticontaxio da covid obrigaron a celebralo no salón de actos en lugar de na biblioteca coma en anos anteriores.
A presidenta, Rosario Álvarez, adiantou que a programación do Consello para o primeiro trimestre deste 2021 alterna o dixital e o presencial por mor da pandemia, con especial atención á figura do rei Afonso X o Sabio. No balance do 2020, a presidenta relatou que houbo un gran cambio entre o primeiro trimestre e o resto do ano, pero coida que o consello soubo adaptarse ás circunstancias.
"Nós non tivemos unha actividade menor, ao contrario, tivemos unha actividade moito máis intensa porque xa antes, nas vésperas do día 14 de marzo, tomamos a decisión de que non podiamos parar, de que había que actuar de maneira que a cultura de ningunha maneira parase, entón foi un ano realmente intenso", di Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega.