CRTVG

Buscar

O Consello Consultivo ve "viable" adscribir Ence ao porto de Marín

Publicado o 22/10/2021 12:54
O Consello Consultivo ve "viable" adscribir Ence ao porto de Marín
EFE

A posibilidade de adscribir a fábrica de Ence en Pontevedra ao porto de Marín é "perfectamente viable", segundo conclúe o Consello Consultivo de Galicia tras a consulta realizada pola Xunta de Galicia.

O informe, ao que tivo acceso Efe, reflicte que os portos de interese xeral como o de Marín "quedan fóra" do ámbito de aplicación da Lei de costas, ao rexerse por unha lexislación "específica" diferente ao dos bens de dominio público marítimo-terrestre.

Este órgano consultivo, nun ditame unánime dos seus membros, avalan a inclusión da fábrica pasteira na zona de servizo do porto "sempre que eses terreos sexan necesarios para o desenvolvemento dos usos portuarios" e se sigan os trámites "legalmente establecidos".

O Consello Consultivo lembra que a zona de servizo dos portos de interese xeral foi obxecto dunha "progresiva ampliación" dos usos previstos ante a "importancia estratéxica" do sistema portuario e a súa "necesaria rendibilidade económica e eficiencia".

Dentro destas zonas, continúa o informe, inclúense "usos complementarios ou auxiliares" á mera actividade portuaria, entre elas, empresas industriais ou comerciais "cuxa localización no porto estea xustificada pola súa relación co tráfico portuario, polo volume dos tráficos marítimos que xeran ou polos servizos que prestan aos usuarios do porto".

O inicio dos trámites correspondería, segundo estes expertos, á propia Autoridade Portuaria pero a súa aprobación depende do Estado, debendo xustificarse a "necesidade ou conveniencia" deses usos con criterios "transparentes, obxectivos e non discriminatorios".

No caso de Marín, o Consello Consultivo entende "xustificada" esta ampliación da zona de servizo do porto ante a "eventualidade futura" que a supresión do tráfico de pasta de papel xerado por Ence tería na diminución do tráfico portuario.

A falta de continuidade física entre os terreos que ocupa Ence e o propio porto, apunta a resolución deste órgano, "non constitúe un óbice" para a súa incorporación ao ámbito portuario, como tampouco o é, engade, a anulación da concesión por sentenza xudicial.

Os ditames da Audiencia Nacional, ao non ser firmes, "non obrigan ao seu cumprimento actual", polo que a incorporación de Ence ao porto, subliña este documento, "non supón un incumprimento directo ou indirecto" destas resolucións xudiciais.

A maiores, sinalan que se se confirma a anulación xudicial da prórroga concedida a Ence, tampouco afectaría este proceso de adscrición porque esa incorporación do terreo "deixaría sempre incólume o contido dispositivo da sentenza".

Eses terreos quedarían, conclúe o Consello Consultivo, sometidos ao réxime específico do dominio público portuario e aos límites de uso que lle afecten, "pero iso non pugnaría cunha sentenza cuxos efectos non se verían menoscabados pola incorporación dos terreos á zona de servizo do porto", facultade que, insisten, ostenta a Administración estatal. 

Noticias web

22/10/2021