CRTVG

Buscar

O conselleiro de Sanidade pide "ser cautos" e "agardar a que as medidas funcionen"

Publicado o 08/11/2020 21:12

Malia o incremento de contaxios das últimas semanas, o conselleiro de Sanidade lembra que somos a cuarta comunidade autónoma tras a illas e Valencia con menos incidencia acumulada a 14 días. Aínda así, destaca que están a facer un traballo de anticipación para evitar que a situación empeore.

"Estas medidas propuxéronse inicialmente para catro semanas, que nos parece un período razoable, e neste tempo o comité clínico e a Dirección Xeral de Saúde Pública analizará a evolución dos datos e se hai que endurecer nalgún caso ou aliviar noutro, farase, pero seguindo un criterio epidemiolóxico e técnico", indicou Comesaña.

Preocupa a evolución do virus nas áreas urbanas, de aí as restricións vixentes desde a medianoite do venres. García Comesaña destaca a boa evolución da situación epidemiolóxica en lugares coma Ourense ou O Carballiño.

"Preocúpannos todas as grandes cidades e, de feito, as medidas foron encamiñadas a esas áreas máis urbanas, en particular preocupounos moito Ferrol cando tomamos as medidas, de feito, foron as máis estritas na primeira semana. Preocúpanos Santiago, Pontevedra, Vigo. Ourense xa leva un tempo mellorando os datos", explica.

O conselleiro lembra que se producen gran parte dos gromos no ámbito familiar e en círculos de confianza, en que relaxamos as medidas.

"E, pola contra, estamos vendo que no ámbito laboral ou no ámbito educativo, cando as medidas se cumpren e se fai un seguimento destas medidas que non son especialmente complicadas de seguir, a situación neses ámbitos non está a ser tan problemática". 

Pide, en calquera caso, ser cautos e pacientes, porque os efectos das novas medidas, asegura, aínda tardarán en verse.

Noticias web

08/11/2020