CRTVG

Buscar

A Xunta non descarta o peche perimetral de Galicia na ponte da Constitución

Publicado o 29/11/2020 13:49

• O conselleiro indicou en declaracións á Radio Galega que a cuestión "está sobre a mesa e non está descartada" 

• Sanidade non rexeita que se levanten os peches perimetrais en Santiago e Ourense a próxima semana

Nunha entrevista na Radio Galega, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmou que o posible peche perimetral de Galicia de cara á ponte da Constitución "está enriba da mesa" do comité clínico e "non está descartado", aínda que a decisión polo de agora "non está pechada".  Así mesmo, lembrou que diversos municipios chegarán a esa ponte coas maiores restricions, o cal inclúe a prohibición de entradas e saídas.

"Na ponte de Todos os Santos non pechamos Galicia e non tivemos grandes problemas", afirmou o conselleiro. "Daquela, case todas as comunidades autónomas tiñan as súas limitacións de mobilidade. A situación é semellante á da ponte de Todos os Santos, pero, repito, a cuestión está enriba da mesa e non está tomada a decisión de pechar perimetralmente ou mantela como como está agora", engadiu Comesaña.

O conselleiro tamén destacou a boa evolución da pandemia en case todos os concellos galegos. Cre que esta mesma semana se poderán levantar as restricións máis severas en cidades como Ourense e Santiago e quizais uns días despois na Coruña.

"Non o descartamos, os datos son bos, son estables, porque ás veces non é tanto un dato puntual senón certa tendencia á establidade", afirmou García Comesaña.

En toda a provincia de Pontevedra a mellora tardou en chegar e o descenso de casos está sendo máis lento.

"Agora a baixada estase producindo en todas as frontes, en número de casos positivos nas áreas, en número de pacientes hospitalizados en convencional e tamén no numero de pacientes hospitalizados nas camas de críticos", explicou o conselleiro de Sanidade.

O martes o comité clínico pechará o plan de desescalada, que non será igual para todos; nos concellos máis grandes a mobilidade estará máis limitada. A Xunta está á espera de coñecer o plan do Goberno central para este Nadal e se se inclúe unha das súas propostas, xunto a outras autonomías, que é que os menores de dez anos non computen para fixar o número de persoas das reunións familiares. O conselleiro cre que se non se respectan as normas sanitarias unha terceira vaga da pandemia será inevitable.

"Xa sen que ocorra nada pode aumentar, canto máis en eventos como Noiteboa, Nadal, Aninovo ou o día de Reis, realmente o risco é importante", indicou Julio García Comesaña.

Por iso pide prudencia para este período crítico e confía en que o plan de vacinación poida comezar xa en xaneiro nas residencias de maiores, que será o primeiro destino.

"Esa é a esperanza. Pero esa constancia e ese esforzo adicional temos que facelo todos para chegar a esa situación, se chega a vacina, nas mellores condicións posibles e dende logo para todos", engadiu o conselleiro.

Noticias web

29/11/2020