O conselleiro de Sanidade non descarta cribados máis frecuentes nas residencias
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, cre que hai que esperar para comprobar se as medidas restritivas impostas conseguen reducir os contaxios. De momento, semella que frearon a tendencia a aumentar pero aínda non comezaron a baixar. Por iso, o titular de Sanidade pide prudencia.
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Levamos uns días con boas noticias no caso dos doentes hospitalizados, que seguen baixando, onte baixaron en 25, pero seguimos preocupados no caso das UCI, que seguen medrando. Levamos uns días en que ese crecemento é menor, pero onte, por exemplo, medrou en catro pacientes".
O conselleiro descarta que se vaian levantar as restricións nas próximas semanas, a pesar de que a Xunta xa está traballando nun protocolo para a desescalada.
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Non é que traballemos para o Nadal, pero evidentemente o Nadal esta aí e gustaríanos chegar ao mes de decembro na mellor situación posible. Pero unha vez que se saia desas restricións estamos valorando o xeito de saír, sen descartar que haxa certa progresividade ou que sexa de golpe. Estamos vendo os pros e os contras de calquera das dúas alternativas".
Tampouco descartan aumentar a periodicidade dos cribados nas residencias de maiores tras o sucedido en Mos ou Salvaterra.
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Aínda facendo cada quince días, vemos que cando detectamos un caso positivo, imos facer PCR a toda a residencia e topamos con situacións como a que estamos comentando. Temos que redobrar esforzos, adaptar a frecuencia deste cribado para intentar detectalos antes".
A consellería tamén prevé unha implantación xeneralizada dos tests antíxenos, que agora só se empregan nos centros de atención primaria.