CRTVG

Buscar

O conselleiro de Facenda presenta os orzamentos para 2019 aos axentes sociais

Publicado o 11/10/2018 15:12

A Xunta de Galicia agarda aprobar a próxima semana os presupostos autonómicos para o 2019. Esta mañá, o conselleiro de Facenda presentoulles aos empresarios e aos sindicatos as liñas mestras das contas públicas para o próximo exercicio.  

O titular de Facenda presentoulle esta mañá ao representante dos empresarios os orzamentos da Xunta para o 2019. Ascenden a 9.850 millóns de euros, un 3,8 por cento máis ca os deste ano. O Goberno autonómico estima que a economía galega seguirá medrando e que a taxa de paro irá en descenso.

Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda: "O que nos din é que as nosas estimacións para o ano que vén son prudentes e significa que como mínimo estamos falando de 15.000 novos postos de traballo a tempo completo equivalente. Co cal, a nosa taxa de desemprego quedará en media anual nun 12,7% e presumiblemente no último trimestre do ano estará lixeiramente por riba do 11,2%".

E estas cifras agradan o empresariado.

Antonio Fontenla, da Confederación de Empresarios de Galicia: "Agrádanos cal vai ser a evolución do emprego, agrádanos o aumento en investimentos, agradounos antonte que o presidente da Xunta falara da rebaixa dalgún imposto, que é algo que os empresarios sempre pedimos".

O conselleiro de Facenda aposta por abrir o diálogo coa patronal e cos sindicatos en temas como o da cláusula social na contratación pública ou a conciliación laboral.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/10/2018