CRTVG

Buscar

O conselleiro de Cultura anuncia un plan para reformar os albergues no primeiro pleno do curso político

Publicado o 10/09/2019 15:59

O conselleiro de Cultura compareceu a petición propia para presentar ante a cámara o Plan estratéxico do Xacobeo. Un evento que o conselleiro presentou como unha grande oportunidade para Galicia en todos os eidos.

Na súa intervención, Román Rodríguez adiantou algunhas das iniciativas incluídas neste plan. Entre elas, o plan para ampliar a rede pública de albergues que, anunciou, se aprobará no Consello da Xunta do próximo xoves. Este proxecto contará cun financiamento de sete millóns de euros e terá como obxectivo mellorar a rede xa existente e ampliala. Non concretou en que lugares se situarán, aínda que si puntualizou que se lle dará prioridade ás rutas xacobeas en auxe e á contorna das cidades. Engadiu, ademais, que se evitará construír novas edificacións e que tratarán de aproveitar outras xa existentes, sobre todo edificios históricos.

En todo momento, o conselleiro resaltou a importancia de aproveitar as posibilidades que abre o Xacobeo e presentou este plan como un xeito de facelo. Os grupos da oposición coincidiron en criticar a pouca concreción do plan. Sinalaron que fala de xeneralidades e chegaron a cualificalo de cortina de fume.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/09/2019