CRTVG

Buscar

O conselleiro catalán do Interior recoñece unha "violencia extrema" e os Mossos quéixanse de non ter suficiente apoio

Publicado o 21/02/2021 20:29

Os Mossos queren maior protección nun momento en que se cuestiona o seu labor no ámbito independentista.

O conselleiro do Interior, Miquel Sàmper, de Junts per Catalunya, recoñeceu o labor dos axentes en momentos difíciles na xuntanza que mantiveron, pero tamén lles dixo que se vai reformar o modelo de orde pública despois dunha profunda análise. Sàmper non eludiu a censura clara aos altercados públicos.

"Houbo unha violencia extrema. Temos a responsabilidade conxunta de traballar de forma conxunta, valla a redundancia, para tentar que isto dure o menos posible e para devolver a tranquilidade ás rúas de Cataluña", declarou Sámper.

Os Mossos din que o conselleiro lles pediu desculpas e desde o seu sindicato maioritario explican o estado de ánimo actual apuntando cara ás esixencias da CUP: "É o estado de crispación que veñen sufrindo os Mossos por un abandono da maior parte do sector político, que deixou que unha mínima minoría do sector parlamentario leve o debate político de cal debe ser o modelo de orde pública", explicou Pere García, secretario xeral de SAP-FEPOL.

O representante da policía catalá pide "ferramentas e seguridade xurídica" para traballar nun momento en que atacan as súas comisarías.

Noticias web

21/02/2021