CRTVG

Buscar

A transferencia da AP-9, unha demanda histórica que se abre paso no Congreso

Publicado o 02/02/2021 19:00

• Todos os grupos, agás Vox, aceptaron que se tramite a proposición aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego, para que a Xunta se faga coa titularidade da autoestrada

• Gonzalo Caballero, Ana Pontón e Diego Calvo defenderon a iniciativa

Os principais grupos do Congreso, salvo Vox, apoiaron este martes a toma en consideración da proposición de lei do Parlamento galego para traspasar á Xunta a titularidade e as competencias da Autoestrada da Atlántico AP-9.  

A lei, á que os grupos do Congreso poderán agora presentar emendas para modificar a súa redacción, expón a transferencia a Galicia da titularidade e as competencias sobre o réxime de concesión e as funcións e servizos exercidos ata o de agora pola Administración Xeral do Estado.  

Os deputados autonómicos Diego Calvo (PPdeG), Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG) defenderon no Congreso dos Deputados a transferencia á comunidade autónoma das competencias sobre a xestión da Autoestrada do Atlántico, logo da aprobación por unanimidade dos grupos galegos da proposición de lei para instar o  cambio de titularidade desta vía fundamental de comunicación en Galicia.

 

Diego Calvo destacou a unión entre as forzas políticas e o "ánimo integrador" co que levan esta proposta ás Cortes Xerais. O deputado popular destacou que "a Xunta pode xestionar de maneira máis eficaz a autoestrada, está máis próxima e coñece mellor o territorio". 

Gonzalo Caballero dixo que "non queremos baleirar o Estado" senón que "cremos na cogobernanza e no principio de subsidiariedade para unha xestión racional da AP-9 en que a proximidade permita a mellor xestión posible".

Ana Pontón cualificou a historia da AP-9 como unha "estafa legalizada". Explicou que a día de hoxe viaxar de Madrid a Vigo (603 km) ten un custo en peaxes de 13 euros, mentras que ir de Vigo á Coruña (150 km) supón 17 euros. "A historia da AP-9 é a crónica dunha discriminación, a historia dun saqueo que nos custou millóns de euros en peaxes", dixo. decidir á Xunta de Galicia. A AP-9 ten as peaxes máis caras de España.

Durante o debate parlamentario, unicamente Vox mostrouse en contra do traspaso por rexeitar "o aumento constante de poder das taifas autonómicas", pero tamén ante o risco de que a rebaixa de peaxes que impulse a Xunta, dixo o seu deputado Francisco José Contreras, sexa asumido en forma de consecuencias contractuais pola Administración Xeral.

Unhas dúbidas tamén expostas por Cs, que tras absterse na última tramitación desta lei decidiu agora apoiar a súa toma en consideración. A súa deputada María Muñoz advertiu de que o traspaso non implica por si só nin a rebaixa de peaxes, nin o rescate da concesión nin a redución do custo operativo da infraestrutura, cuestións que poderían abordarse sen a transferencia.

Tanto Galicia en Común como o BNG reivindicaron a xestión pública da autoestrada e a súa circulación "libre de peaxes", lembrando ademais que, de cumprirse a concesión, esta alongarase ata máis aló dos 75 anos. Para Nestor Rego (BNG), esta autoestrada supón "unha fechoría, un espolio e unha discrriminación", mentres que Antón Gómez-Reino (Galicia en Común) asegurou que as vías de peaxe "van ser unha anomalía no Estado".

O PP lamentou "as peaxes desorbitadas" mantidas pola concesionaria Audasa, coa subida máis alta entre as únicas vías que encareceron as súas tarifas, tal e como lembrou o seu deputado Celso Delgado, que defendeu unha "xestión directa" desta infraestrutura.

Con todo, Guillermo Meijón, do PSOE, lembrou que foi un Goberno 'popular' o que ampliou ata 2048 unha concesión que, en caso contrario, estaría a dous anos de caducar, e reivindicou as partidas dos novos Orzamentos para financiar a rebaixa nas peaxes desta vía. 

O traspaso das competencias da Autoestrada do Atlántico a Galicia significará que as decisións sobre este eixo fundamental para as comunicacións e o desenvolvemento económico do país serán tomadas polo Goberno autonómico. Isto é, a construción de novos treitos, o funcionamento da vía, as sancións á concesionaria por incumprir as súas obrigas e, sobre todo, as tarifas das peaxes, serán cuestións que competerá decidir á Xunta de Galicia. 

A AP-9, autoestrada que vertebra Galicia, converteuse neste 2021, cunha subida do 0,92 %, na máis cara de España.  Viaxar de Ferrol a Tui (Pontevedra) custa 22,30 euros, dez céntimos máis que en 2020; e da Coruña a Vigo, as dúas cidades máis poboadas, o incremento é de 15 céntimos, polo que o diñeiro a abonar redondéase ata os 17 euros. 
 

Para ir da Coruña á capital galega, Santiago, hai que desembolsar 7 euros, segundo consta na web de Audasa, que é a concesionaria, onde figuran as actualizacións de tarifas. 

De Compostela a Pontevedra o importe é de 6 euros, cinco céntimos máis, mentres que de Pontevedra a Vigo mantense invariable, en 4 euros.

Noticias web

02/02/2021