O Congreso valida a chamada lei dos 'riders' que obriga a convertelos en asalariados
O Congreso dos Deputados validou este xoves o decreto lei que establece a condición de asalariados para os repartidores de plataformas dixitais, os chamados 'riders', con duras criticas de VOX, que anunciou que recorrerá a norma ante o Tribunal Constitucional, PP e Ciudadanos.
A vicepresidenta terceira do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, cualificou no Congreso esta norma como "vangardista" e defendeu que "dota de dereitos" ás relacións laborais nas plataformas dixitais e "dá transparencia" no uso dos algoritmos.
A norma, que se tramitará como proxecto de lei para poder introducir cambios, saíu adiante con 195 votos a favor, 151 en contra e 2 abstencións.
Unha parte deses traballadores están en contra da lei e hoxe volveron manifestarse diante do Congreso, reclamando a dimisión de Yolanda Díaz. Queren seguir sendo autónomos porque din que gañan máis e teñen máis flexibilidade horaria. Cren que os novos contratos serán moi precarios e que a lei destruirá moitos empregos.