CRTVG

Buscar

A devolución dos presupostos abre a porta á fin da lexislatura

Publicado o 13/02/2019 20:25

"Si 191. Non, 156 máis dous votos emitidos telematicamente. Abstencións, unha. En consecuencia, quedan aprobadas as emendas de devolución e, polo tanto, rexeitado o proxecto de lei de presupostos xerais do Estado para o ano 2019".

É a derrota que precipita a fin dunha lexislatura. Os 17 independentistas cataláns pulsaban o mesmo botón que PP e Ciudadanos para tombar unhas contas que pesaron menos que a súa esixencia de falaren da autodeterminación.

Joan Tardá, voceiro de ERC no Congreso: "A verdade é que é unha oportunidade perdida, porque saben eles que tarde ou cedo haberá que empezar a dialogar". E aínda que, oficialmente, o Goberno insista en que a tarefa continúa.

María Jesús Montero, ministra de Facenda: "Seguiremos traballando, temos tarefa pendente en moitos dos puntos que non pasaban por incorporarse ao presuposto, que viñan en termos de leis que xa están neste Parlamento ou en formatos de leis que poderán vir en breve".

Socios e rivais asumen que a quen lles toca votar agora é aos cidadáns.

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Estou sasteito de que se poña fin a esta lexislatura, porque está morta, non pode agonizar máis".

Irene Montero, voceira de Unidos Podemos no Congreso: "Creo que esta votación reflectiu con clara evidencia os límites do Partido Socialista e de Pedro Sánchez para gobernar en solitario e asumo que vai haber unha convocatoria de eleccións".

Pablo Casado, presidente do PP: "Despois de medio ano reclamándoo, xa é absolutamente inaprazable a convocatoria de eleccións xerais. O Partido Popular está preparado para volver ao Goberno de España".

É a segunda vez que o Congreso rexeita uns presupostos en 42 anos de democracia.