O Congreso rexeita que os xuíces elixan ao Consello Xeral do Poder Xudicial
A proposta do PP é que os 12 xuíces que integran o Consello Xeral do Poder Xudicial sexan elixidos polos seus pares e non, como agora, polo Parlamento. Tamén queren que ningún cargo político poida acceder a cúpula do Poder Xudicial nin ser fiscal xeral do Estado ata pasados 10 anos. Todo para acabar co que a voceira popular chamou colonización dos órganos constitucionais por parte do Executivo.
Cuca Gamarra cre que "no Goberno de España sitúase hoxe un Partido Socialista historicamente alérxico á separación de poderes e acaudillado por un presidente do Goberno que está obsesionado ata a enfermidade polo sometemento dos órganos constitucionais á vasalaxe dos seus designios autocráticos".
Apoian a proposta VOX e Ciudadanos, aínda que a tachan de insuficiente e tardía.
Edmundo Bal,de Ciudadanos, ironizou con que "o Partido Popular cre na despolitización do Poder Xudicial. Benvidos. Nós desde hai anos cremos nisto. A ver se lles dura". Para José María Sánchez, de VOX, "estamos ante un Goberno de signo totalitario que pretende arrasar coa independencia da xudicatura a través da composición do Consello".
Pero a maioría da cámara vai votar en contra. Socialistas e Podemos cren que é unha manobra para xustificar a negativa popular a negociar a renovación do Consello do Poder Xudicial e falan de cinismo.
Jaume Asens, de Unidas Podemos, xustificao porque "vostedes son os do 'a fiscalía afínacho". Cinismo porque vostedes levan anos tentando manobrar para apartar xuíces, policías e fiscais incómodos".
José Luis Ramos, do PSOE, díxolles aos populares que "así entenden vostedes o Estado de dereito. Cando estou na oposición, cumpro ou non cumpro a lei. E agora non cumpren a lei, e como non cumpren a lei, cambiámola".
Tamén os grupos minoritarios se opoñen á reforma e defenden o dereito dos representantes dos cidadáns a organizar o seu Poder Xudicial.