CRTVG

Buscar

O Congreso rexeita por segunda vez que Sánchez compareza pola marcha do rei Xoán Carlos

Publicado o 28/08/2020 19:04
O Congreso rexeita por segunda vez que Sánchez compareza pola marcha do rei Xoán Carlos

A Mesa do Congreso volveu rexeitar por segunda vez a petición dos partidos nacionalistas para que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, compareza nun pleno extraordinario e dea explicacións sobre a saída de España do rei Xoán Carlos, xa que se trata dunha "materia allea" á competencia do Executivo.

Segundo informou este venres ERC, impulsor da iniciativa xunto a Junts per Catalunya, CUP, EH-Bildu e BNG, este foi o motivo esgrimido pola Mesa, do mesmo xeito que na primeira ocasión que solicitaron esta comparecencia, rexeitada xa o 21 de agosto, que agora reiteraron.

A solicitude incluía a comparecencia da vicepresidenta primeira do Executivo, Carmen Calvo, tamén para "explicar a xestión feita polo Goberno en relación á marcha do Estado español de Xoán Carlos I de Borbón e o que iso representa respecto á solidez das institucións democráticas do Estado".

Esta mesma semana, ao volver presentar as peticións de comparecencia, a portavoz de EH-Bildu, Maite  Aizpurua, advertiu que os partidos asinantes insistirán "cantas veces faga falta", porque cren que a "negociación" do Goberno coa Casa Real para a saída de España de Xoán Carlos I require "explicacións claras e nítidas".