CRTVG

Buscar

O Congreso reclama, malia o rexeitamento de PSOE e Podemos, estender os ERTE ata finais de ano na industria

Publicado o 17/06/2020 20:06
O Congreso reclama, malia o rexeitamento de PSOE e Podemos, estender os ERTE ata finais de ano na industria

O pleno do Congreso, pese ao rexeitamento do PSOE e Unidas Podemos, reclamou este mércores ao Goberno a extensión ata final de ano dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) por forza maior pola crise provocada pola pandemia da Covid-19 en determinados sectores da industria.

A Cámara Baixa apoiou unha emenda transaccional, por mor dunha moción presentada polo PNV, e finalmente pactada polos nacionalistas co PP, Esquerra Republicana, Ciudadanos, Junts per Catalunya e Coalición Canaria. Concretamente, o texto aprobado insta o Goberno a alongar estes ERTE ata o 31 de decembro en sectores "competitivos, viables, con potencial de crecemento e que xeran valor a través da innovación", como a automoción, aeronáutica e máquina ferramenta", priorizando neles a pemes de menos de 250 persoas traballadoras.

Así mesmo, a Cámara tamén pide "facilitar unha transición áxil e flexible a novos ERTE por causas económicas e organizativas"; unha estratexia e un plan compartido coas comunidades con accións executables en "sectores industriais clave" para garantir a súa continuidade e mellorar a súa competitividade; e unha mesa específica para o sector da automoción con comunidades "especialmente afectadas" neste sector.

Ao texto acordado non se sumaron nin PSOE nin Unidas Podemos, que propuxeran ao PNV "estudar a posibilidade de manter ERTE para os sectores de difícil recuperación inmediata do emprego" e "analizar a idoneidade dunha transición áxil e flexible a novos ERTE por causas económicas e organizativas".

Noticias web

17/06/2020