CRTVG

Buscar

O Congreso rexeita as medidas sociais de reconstrución, pero avala o resto de documentos

Publicado o 22/07/2020 17:22

Votábanse as conclusións da comisión de reconstrución do coronavirus. Con pactos a esquerda e dereita, o Goberno sacaba adiante con folgura as relativas á Sanidade e as relacionadas coa Unión Europea. Aínda que por só un voto, tamén prosperaron as recomendacións en materia económica. Pero nas políticas sociais o executivo errou os cálculos. Os partidos da dereita e algún nacionalista, como o PNV, rebelábanse contra un texto que deixaba fóra das axudas a educación concertada. A voceira do PP, Cayetana Álvarez de Toledo, ve na derrota do Goberno a proba de que España non apoia unha axenda radical. Ciudadanos lamentaba que non contaran con eles.

Edmundo Bal, voceiro adxunto de Ciudadanos no Congreso, laiábase de que "puido mirar a Ciudadanos, puido incluír a axuda ao ensino concertado e á educación especial pero preferiu mirar os postulados dogmáticos, sectarios, que ten o seu socio de Goberno"

Clave foi tamén a postura de VOX: votou en contra de todo, pese a non participar nos traballos da comisión.

Para Iván Espinosa de los Monteros, voceiro de VOX no Congreso, "demostrouse que esta comisión foi pouco máis que unha comisión de exculpación do Goberno"

A votación non é vinculante, pero anticipa as dificultades coas que se vai ver o executivo cando toque negociar os orzamentos.

Noticias web

22/07/2020