O Congreso rexeita a lei de Ciudadanos contra a corrupción, que recibe o apoio do PP e Vox

O Pleno do Congreso dos Deputados rexeitou este mércores tramitar a proposición de lei de Medidas de Loita contra a Corrupción presentada por Ciudadanos, que, porén, recibiu o apoio do Partido Popular, Vox e Máis País.
A iniciativa de Cs, que levou 159 votos a favor, 178 en contra e 11 abstencións, foi rexeitada polo PSOE, Unidas Podemos, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e o Partido Nacionalista Vasco (PNV), entre outros.
O texto incluía medidas e reformas para protexer os denunciantes de corrupción, tipificar o delito de enriquecemento ilícito, suprimir os prazos máximos de instrución das causas penais, prohibir os indultos a persoas condenadas por corrupción, establecer a responsabilidade civil subsidiaria dos partidos políticos e outras organizacións.
Tamén propoñía crear a Autoridade Independente de Integridade Pública (AIIP), que podería impoñer sancións económicas e disciplinarias aos infractores e xulgaría a idoneidade dos candidatos para ocupar altos cargos públicos, entre outras funcións.
Máis de 200 tramas de corrupción
Ao defender a proposición de lei, cun texto similar ao que Ciudadanos rexistrou en anteriores lexislaturas, o portavoz adxunto do grupo, Edmundo Bal, convidou os deputados a votaren a favor da súa admisión a trámite para "dicir non á corrupción".
Durante a súa intervención sinalou que, nos últimos 40 anos, houbo en España máis de 200 tramas de corrupción que afectaron a partidos como o PP, o PSOE, Esquerda Unida, Convergència i Unió ou o PNV, e engadiu que para acabar con este tipo de prácticas só fai falta vontade política.
Moitos dos deputados que rexeitaron a iniciativa de Ciudadanos argumentaron que a consideran insuficiente, por exemplo, por non ter en conta a corrupción no ámbito privado ou por quedar curta nas medidas de protección dos denunciantes.
Así mesmo, varios reprocharon á formación laranxa que propoña crear un novo órgano, a AAIP, que consideran que asumiría funcións que xa realizan outras institucións.
Pero, sobre todo, coincidiron en cualificala de pouco oportuna neste momento, ao lembrar que o pasado decembro entrou en vigor a directiva europea relativa á protección das persoas que informen sobre infraccións do Dereito da Unión.
Como indicou a deputada socialista Rafaela Crespín, o Goberno xa traballa nun proxecto de lei para traspoñer esta directiva ao ordenamento xurídico español e, ao seu xuízo, moitos aspectos da iniciativa de Cs "obvian" o contido desa norma europea ou "entran en contradición" con ela.