CRTVG

Buscar

O Congreso renova o Pacto de Toledo, que volve revalorizar as pensións co IPC

Publicado o 19/11/2020 17:20
O Congreso renova o Pacto de Toledo, que volve revalorizar as pensións co IPC

O Congreso renovou por terceira vez as recomendacións do Pacto de Toledo que volve revalorizar a pensión co IPC e dá máis protagonismo ao Estado para que financie os gastos impropios da Seguridade Social e axude así a reducir o déficit do sistema.

O pleno do Congreso ratificou con 262 votos a favor, 2 en contra e 78 abstencións o Informe de avaliación e reforma do Pacto de Toledo, que contempla 21 novas recomendacións adaptadas a un novo mercado laboral e que buscan tanto garantir a suficiencia e sustentabilidade do sistema de pensións como manter o poder adquisitivo dos pensionistas.

A Comisión do Pacto de Toledo conseguiu pechar con amplo consenso unhas propostas debatidas durante case catro anos. De feito conseguiu unir os votos do PSOE e do PP e, a pesar da oposición de Vox e a CUP, tamén contou coas abstencións de ERC, EH Bildu, BNG ou Más País, críticos co novo texto pero que consideran que hai avances.

Tras máis dunha trintena de sesións, desde a XII Lexislatura, en que os membros da Comisión escoitaron a comparecencia de autoridades e expertos, elaborouse un informe que recomenda profundar na separación das fontes de financiamento á Seguridade Social para acabar co déficit do sistema en 2023, coincidindo co final da lexislatura.

O Estado deberá financiar de forma progresiva vía presupostos ou con transferencias directas os gastos impropios que ata o de agora pagaba a Seguridade Social, como bonificacións, reducións de cotas derivados de axudas a determinados sectores produtivos, prestacións por desemprego ou vinculadas a axudas á familia, por fillo a cargo ou dependentes, ou como maternidade ou paternidade.

A maioría dos portavoces destacaron este xoves o labor de achegamento que promoveu a exminitra de Traballoi Magdalena Valerio, que lembrou que "só co consenso político e social poderán facerse medidas eficaces para afrontar os desafíos das seguridade social, que debe ser instrumento de cohesión que garanta a paz social e estabilidade política".

O Pacto de Toledo revisará as súas recomendacións cada cinco anos e agora terá que ser o Goberno o que, coa concertación de patronal e sindicatos, lexisle e reforme a Lei da seguridade social. Durante o debate, no que tamén se rexeitou un total de 19 votos particulares presentados por sete formacións para modificar algunhas propostas, Valerio lembrou que estas recomendacións defenden un modelo público, contributivo, solidario e de repartición.

Destacou que se propoña poder elixir os mellores 25 anos de cotización para o cálculo da pensión, que se busquen medidas para achegar a idade real á idade legal desincentivando a xubilación anticipada, que as pensións de viuvez non discriminen ás parellas sen vínculo matrimonial previo ou que se aprobe un modelo para que os autónomos coticen polos seus ingresos reais.

Loitar contra a fraude, mellorar o papel das mutuas, impulsar o emprego nos colectivos de discapacitados e de inmigrantes ou mellorar as carreiras de cotización das mulleres son outras recomendacións que contempla agora o Pacto de Toledo. Sinala ademais á Carta Social Europea como referencia para establecer un indicador do que é unha pensión suficiente e propón establecer un remanente mínimo no Fondo de Reserva suxeito a unha regra que endureza a súa dispoñibilidade.

As posturas dos partidos

Vox decidiu votar en contra porque non acaba co déficit da Seguridade Social, senón que o "traspasa" ao Estado e, ademais, non recolle unha proposta para fomentar a natalidade fronte á que si inclúe sobre inmigración. A CUP tamén rexeitou este pacto aínda que por motivos moi distintos, xa que considera que abre a porta a reformas regresivas.

Aínda que ERC, Bildu ou BNG foron críticos coas recomendacións e pediron volver á idade legal dos 65 anos ou unha auditoría para ver onde están os excedentes que tiña o Fondo de Reserva e foron utilizados para financiar gastos impropios, sinalaron, ante todo, o ton construtivo das mesmas.

E é que desde todas as formacións valorouse un acordo alcanzado desde o respecto e mentres os voceiros de PP e PSOE dixeron que se trata dun pacto "de país" e "de Estado", o PNV sinalou o recoñecemento do diálogo e desde Unidas Podemos afirmaron que este pacto demostra que "goberne quen goberne, as pensións públicas deféndense".

 

Noticias web

19/11/2020