CRTVG

Buscar

O Congreso peruano destitúe a Martín Vizcarra como presidente do país

Publicado o 10/11/2020 03:14
O Congreso peruano destitúe a Martín Vizcarra como presidente do país

O Congreso de Perú destituíu o presidente do país, Martín Vizcarra, que evitara a destitución por outro caso hai menos de dous meses. Declarouno "incapaz moral" no xuízo político que se lle abriu por acusacións de corrupción que están nunha fase preliminar de investigación: acúsano de aceptar subornos a cambio de adxudicar obras públicas cando era gobernador de Moquegua, hai seis anos.

En contra do que se contaba, a moción impulsada contra el non só sumou senón que superou amplamente os 87 votos necesarios: conseguiu 105 de 130. A resolución parlamentaria declarou a súa "permanente incapacidade moral" e, en consecuencia, a vacante na Presidencia. Atendendo ó previsto na Constitución, o cargo pasará a ocupalo o presidente do Congreso, Manuel Merino, que xurará hoxe mesmo.

Martín Vizcarra -que asumiu o cargo en 2018 tras a renuncia de Pedro Pablo Kuczynski acusado de corrupción- negou que cometese delito ningún e lembrou que no seu día a Fiscalía arquivou o caso. Denunciou que o proceso de destitución partiu "de feitos falsos, non corroborados" pola xustiza, que acaba de reabrilo. Pero nun Parlamento moi dividido quedou de manifesto a soidade do mandatario, coa inmensa maioría dos deputados responsabilizándoo da inestabilidade política que vive o país. El que concitou un enorme apoio popular polo seu enfrontamento cun Congreso que chegou a pechar porque se opoñía ós seus plans contra a corrupción. Este luns destacaba que máis da metade dos lexisladores -68- están sendo investigados polo Ministerio Público.

Tras a destitución -rodeado do seu executivo en pleno- anunciaba que, malia non estar de acordo e ter a posibilidade de emprender accións legais, abandonará de inmediato o Palacio de Goberno porque non quere que se poida entender que o seu espírito de servizo ao pobo foi só unha vontade de exercer o poder.