CRTVG

Buscar

O Congreso insta o Goberno a pedir ás Filipinas unha investigación imparcial da morte de Diego Bello

Publicado o 23/11/2020 21:44
O Congreso insta o Goberno a pedir ás Filipinas unha investigación imparcial da morte de Diego Bello

A Comisión de Asuntos Exteriores do Congreso dos Deputados aprobou este luns por unanimidade unha proposición non de lei (PNL) en que insta o Goberno a pedir ás Filipinas unha investigación imparcial sobre a morte do español Diego Bello ao recibir seis disparos en xaneiro de 2020 na illa de Siargao. 

A PNL pide ao Goberno que se solicite ás autoridades filipinas, "en prol da relación de amizade e cooperación diplomática", promover unha investigación imparcial que permita esclarecer as circunstancias da morte do mozo coruñés, "determinando a identidade e paradoiro dos presuntos autores dos disparos e establecendo medidas cautelares que eviten a súa posible fuga antes dun eventual xuízo".

Ademais, solicítase ás Filipinas toda a documentación xudicial de que puidese dispoñer relativa a este suceso, tanto a previa intervención policial que lle causou a morte como a posterior a esta, resultado da investigación realizada.

O texto defendido pola deputada do PP Valentina Martínez Ferro expón as "numerosos dúbidas" que persisten dez meses despois do asasinato sobre as circunstancias en que se produciu o falecemento, que segundo as autoridades filipinas ocorreu no marco dunha operación antidroga.

Entre outras cuestións, na PNL impulsada polo Grupo Parlamentario Popular lémbrase que Diego Belo non tiña antecedentes penais nin estivera involucrado en incidente ningún relacionado coa compra, venda ou consumo de estupefacientes nin se puido demostrar que portase drogas nin arma no momento de recibir os disparos.