O PP elixirá o sucesor de Rajoy nun Congreso que se celebrará o 20 e 21 de xullo
Xa está aberto o prazo de quince días para presentar as candidaturas á Presidencia do Partido Popular. Núñez Feijóo, Sáenz de Santamaría e Cospedal perfílanse para substituír a Rajoy á fronte do partido, inda que non son os únicos que se postulan. O presidente da Xunta enfriaba nas últimas horas a opción da candidatura única que si defenden outros dirixentes populares.
Conta atrás para postularse para liderar o PP. Ata o 20 deste mes está aberto o prazo para presentar as candidaturas. O presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, que aínda non desvelou a súa decisión, aseguraba á saída da Xunta Directiva que actuará con responsabilidade.
Feijóo defende, por tanto, unha pugna entre máis dun candidato, ao contrario de parte dos dirixentes populares, que apostan por unha candidatura de integración para evitar enfrontamentos internos.
"A decisión máis sensata, razoable e seria é unha única candidatura que represente a todo o mundo", dixo Albiol.
"A España interésalle que goberne o PP. Para ese proxecto temos que consensualo pensando no mellor proxecto para gobernar España o antes posible. Unha candidatura única sería o desexable", dicía o presidente de Murcia.
"Sempre é bo que haxa unha candidatura única, é positivo pero tampouco pasa nada se houbese varias", dixo De la Serna.
O ex-presidente de Baleares José Ramón Bauzá promove unha corrente liberal no PP.
"Foi a corrente que máis éxitos xestaron. Trátase de facer política, de chegar aos cidadáns. Non se sentiron identificados con nós", dicía Bauzá.
De momento ningún candidato nin candidata formalizou a súa opción.
Soraya "hai que facer as cousas con rigor, con seriedade. É un momento de gran responsabilidade para o partido e para toda a sociedade española".
O congreso popular celebrarase os vindeiros 20 e 21 de xullo. Anunciábao Mariano Rajoy, que presidía onte por última vez a Xunta Directiva do PP. O aínda presidente popular pediu ser construtivos, apostar pola unidade e un congreso rápido para evitar divisións internas.
"Ningunha das persoas que poida optar á presidencia do partido necesita do meu apoio. Non teño sucesores nin delfíns", dicía Rajoy.
Se hai máis dun candidato, a campaña electoral será entre o 23 de xuño e o 4 de xullo. O día 5 votarán os militantes.