CRTVG

Buscar

O Congreso debate as conclusións da Comisión de Reconstrución

Publicado o 21/07/2020 21:15

Debate no Congreso dos ditames da Comisión de Reconstrución tras a pandemia. O Goberno apura as negociacións cos partidos para lograr a aprobación das conclusións. No PP deixan ver que podería haber acordo nos bloques de sanidade e da Unión Europea. A votación será mañá.
As conclusións da Comisión de Reconstrución votaranse en catro bloques: Sanidade, Economía, Políticas Sociais e Unión Europea. Patxi Lopez, que presidiu a comisión, apelaba ao inicio do debate parlamentario ao consenso para evitar, dixo, que "España caia en loitas internas".

As primeiras criticas chegaron dos grupos nacionalistas. O BNG anunciou que votará en contra.
"PSOE e Podemos, co concurso da dereita, rexeitaron as nosas propostas que ían na dirección de mobilizar os recursos economicos e financeiros necesarios para saír desta crise con xustiza social", di Néstor Rego, do BNG. Pero Unidas Podemos defendeu os ditames da comisión porque recollen, din, "o consenso da sociedade e marcan unha dirección de país que é maioritaria".

"Se o ditame da Comisión o redactara o meu grupo parlamentario, aparecería nel a derrogación da reforma laboral do PP, pero o ditame non o escribe un único grupo, é un acordo entre diferentes", afirma Pablo Echenique de Unidas Podemos.

Ademais das críticas dos nacionalistas, chegaron tamén as de Vox. Para eles, a reconstrución é unha farsa e unha manobra exculpatoria do Goberno, ao que acusaron de incompetente e cuxa dimisión pediron. "España só estará a salvo do abismo se se cumpren unha destas condicións: ou ben o virus muta a máis benigno ou ben vostedes, todo o Goberno, dimite en pleno", asegura Juan Luis Steegmann de Vox.

O PP non adiantou o sentido do seu voto, pero Ana Pastor deixou ver que poderían apoiar as conclusión sobre sanidade e Unión Europea. "Estamos máis preto do pacto Cajal e do pacto da Unión Europea. Temos aínda que analizar todas as emendas. E, señorías, ese é o noso compás. O compás do PP saben cal é? A defensa de España e dos españois", di Ana Pastor do PP.

O Partido Socialista chamou á responsabilidade de todos os deputados para estaren á altura da sociedade."Desta sesión debe saír un acordo de país, un acordo de todos e para todos. Un acordo para facer posible unha vez máis o que ata onte parecía que era imposible. Un acordo para demostrar de novo que a nosa responsabilidade é maior que as nosas diferenzas", afirma Adriana Lastra do PSOE.

Noticias web

21/07/2020