CRTVG

Buscar

O Congreso conmemora o 40 aniversario da Constitución coa presenza dos reis

Publicado o 06/12/2018 22:07

• Na celebración coinciden tres xeracións da familia real

40 anos de democracia en España

Os seis integrantes da Casa Real chegaron ao mediodía ao Congreso, onde os recibiron os presidentes do Goberno, das Cortes Xerais, do Constitucional e do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Acudiron tres xeracións da Coroa. Ademais dos monarcas, estiveron os reis eméritos, a princesa Leonor e a infanta Sofía. Desta volta, Xoan Carlos I si acudiu á cita despois da súa comentada ausencia o ano pasado durante a conmemoración do aniversario das primeiras eleccións democráticas.

A carón dos reis eméritos, estaban os pais da Constitución e os ex-presidentes do Goberno vivos.

Ante eles, o Rei falou da Constitución como motor do propreso de España cun proxecto de reconciliación, integrador e de entendemento.

Filipe VI tamén tivo palabras de agradecemento para o rei emérito.

A presidenta do Congreso instou a recuperar os valores de respecto, diálogo e convivencia que propugna a Constitución.

Pastor fixo un chamamento para renovar un gran pacto constitucional.

Un grupo de afectados de Afinsa e Fórum apuparon ás portas do Congreso a Pedro Sánchez e a outros dirixentes segundo ía chegando. Tamén hoxe quixeron  expresar a súa protesta os deputados de Unidos Podemos. Participaron na cerimonia con actitude crítica cara á monarquía, lucindo no peito unha insignia morada, co perfil dunha muller e a palabra "república". Pablo Iglesias foi o único líder das formacións políticas presentes que non participou no saúdo protocolario á familia real e o seu grupo non aplaudiu a entrada dos monarcas no hemiciclo.

Significativa tamén a volta dos deputados de Izquierda Unida, co seu líder Alberto Garzón, que levaban sete anos sen participar, dende a reforma pactada polo PP e o PSOE do artigo 135 da Constitución.

Ausencia, iso si, dos seus socios de En Comú Podem e Compromís, ás que hai que sumar as habituais de Esquerra Republicana, o PDdeCAT e o PNV.

O 40 aniversario do referendo da Constitución tamén supuxo a volta ao Congreso de Mariano Rajoy, seis meses despois da moción de censura e a da súa renuncia ao escano. 

Acudiron, ademais, a maioría dos presidentes autonómicos. Faltaron catro: o catalán Quim Torra, o vasco Íñigo Urkullu, a navarra Uxue Barkos e a balear Francina Armengol.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/12/2018