CRTVG

Buscar

O Congreso aproba a prórroga do estado de alarma ata o 10 de maio

Publicado o 22/04/2020 20:33

• Abstivéronse ERC, Bildu e BNG e votaron en contra Vox, JxCat e a CUP

• Sánchez fixa o horizonte da desescalada na segunda metade de maio, pero advirte de que será "lenta e gradual" | A oposición critica a xestión do Goberno

O Goberno de Pedro Sánchez logrou este mércores a autorización do Congreso para decretar a terceira prórroga do estado de alarma para atallar a propagación do coronavirus e que durará ata o 10 de maio. O amplo respaldo que obtivo o Goberno provén dos votos do PSOE, PP, Unidas Podemos, Cs, PNV e as formacións de Más País, Compromís, UPN, Coalición Canaria, Nova Canarias, Foro, Teruel Existe e PRC. En total, 269 sis dun total de 350 escanos.

Abstivéronse ERC, EH Bildu e BNG, en tanto que a rexeitaron Vox, JxCat (a formación independentista, por primeira vez desde que se decretou o estado de alarma) e a CUP.

Pedro Sánchez pediu outros 15 días de estado de alarma avisando que o confinamento non rematará mentres o país non estea preparado. Advirte que a desescalada será "lenta e gradual. O confinamento xeral non se levantará ata que non esteamos preparados, porque non imos correr ningún risco que nos traia de volta ata a dolorosa situación que vivimos e que tanto nos custou reverter".

Sánchez di que poderá haber avances, retrocesos e rectificacións, como pasou co permiso de saída dos nenos: "pecamos de prudencia". 

"Están pecando de incompetencia". Foi unha das moitas críticas do líder popular, que respondía así á oferta de Sánchez de estender os pactos pola reconstrución a autonomías e concellos: "di que a COVID-19 é un iceberg, iso é verdade, e vostedes son o Titanic. Non pretenda que nós sexamos a súa orquestra".

Casado interpelou varias veces a Sánchez sobre a cifra real de mortos. O líder de VOX explicábao así: "como van vostedes honrar as vítimas se puxeron máis empeño en ocultalas que en protexelas"

Santiago Abascal acusaba o executivo de querer converter España nun cárcere chavista. Ciudadanos e os grupos minoritarios anticipaban un si crítico á extensión do estado de alarma. Crítica tamén a abstención de Esquerra. "Unha abstención máis próxima ao non que nunca".

A autorización do Congreso á nova prórroga prolongará o confinamento ata as doce da noite do sábado 9 de maio.

A xestión da crise e a renda mínima vital centraron a sesión de control ao Goberno, a segunda desde o estado de alarma

O líder do PP, Pablo Casado preguntoulle ao presidente do Goberno porque escondía os falecidos nas súas sucesivas intervencións, porque non publicaban as cifras reais, e porque non decretaban o loito oficial que merecen. Tamén lle preguntou se non pensaban pedir desculpas polas neglixencias do Goberno na xestión desta crise. Pedro Sánchez respondeulle dicindo que Europa chegou tarde e que España tamén. Pero, asegurou o presidente do Goberno, tamén é certo que actuamos antes. Dixo que se miramos cando se decretou o estado de alarma en relación con outros países quedaba claro que o seu Goberno actuou antes.

Na replica Casado dixo que os españois non estamos felices nin contentos, senon fartos dun goberno ao que lle sobra soberbia, incompetencia e mentiras. Para Pedro Sánchez é momento de solucións e non de reproches e tendeulle a man na reconstrucción que vai necesitar o país e os territorios que o compoñen.

Vox interpelou ao vicepresidente segundo a propósito da renda vital mínima que pretende aprobar o executivo. Acusaron a Pablo Iglesias de querer introducir en España comunismo económico de manual con cheiro bolivariano. O vicepresidente afeoulles que lle chamaran "paguita", asegurando que ese nome corresponde mais co que recibiu o presidente de Vox, Santiago Abascal de Esperanza Aguirre, non para chegar a fin de mes, dixo, senon para montar chiringuitos cos que atacar a democracia española.

Sobre a renda vital mínima tamén preguntou o voceiro do PNV. Aitor Esteban dixo que intentar unha carreira para ver quen saca antes a cabeza non contribúe a unha boa imaxe do Goberno e pode poñer en perigo os acordos posibles co seu grupo. Pablo Iglesias pediulle sensibilidade. Dixo que esa renda é para que moita xente poida chegar a fin de mes, un problema que non teñen, afirmou, ningún dos que estaban debatendo no hemiclo.