CRTVG

Buscar

O Congreso apoia o decreto para reforzar a protección contra a violencia machista coa absteción do PP e o voto en contra de Vox

Publicado o 29/04/2020 16:39
O Congreso apoia o decreto para reforzar a protección contra a violencia machista coa absteción do PP e o voto en contra de Vox

O Congreso dos Deputados validou este mércores o decreto lei do Goberno para reforzar a protección das vítimas de violencia de xénero durante o confinamento, que se tramitará como proxecto de lei. O decreto foi apoiado polos partidos que conforman o Goberno, PNV, Cs, ERC, EH Bildu, JxCat, Más País e BNG, mentres que o PP se abstivo e Vox e Foro Asturias votaron en contra. O texto tramitarase como proxecto de lei, unha petición de Cs que contou coa maioría suficiente da Cámara.

A ministra de Igualdade, Irene Montero, defendeu a necesidade de protexer "de maneira extraordinaria" as vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos durante o confinamento pola crise sanitaria do coronavirus, xa que a convivencia de 24 horas co agresor "exacerba os riscos" de padecer conflitos e situacións de violencia. Montero lembrou que a ONU instou aos estados a dar unha resposta inmediata a ese perigo e afirmou que o incremento de case un 50 % das chamadas ao 016 constatan que a violencia machista prodúcese máis e con máis vigor.

O decreto lei declara esenciais os servizos de atención a vítimas (como o 016 ou os centros de emerxencia e acollida, pisos tutelados e aloxamentos seguros tanto para vítimas de violencia de xénero como de explotación sexual e trata con fins de explotación sexual). Permite o uso de hoteis e hostais para aloxar estas mulleres, determina que todos eses centros dispoñan de equipos de protección individual (EPI) para os seus traballadores e garante o normal funcionamento do sistema de seguimento telemático dos agresores.

Por último, habilita o mecanismo para que os concellos e as comunidades autónomas poidan destinar a execución dos fondos do Pacto de Estado Para a Violencia de Xénero co obxectivo de que poidan poñer en marcha as medidas específicas necesarias durante esta crise. 

Noticias web

29/04/2020