O confinamento pode afectar o carácter dos pequenos
Martina fai ioga na casa agardando poder volver ás súas clases. Igual que a de milleiros de nenos, o confinamento cambiou da noite á mañá as súas vida e é necesario adaptarse.
"Está máis mecosa, ten máis dependencia de nós", di a nai da nena. "Están máis irritables, poden saltar á mínima entre elas", explica outro pai sobre o comportamento dos seus fillos.
Os pais coinciden en que o confinamento lles pasa factura. Co paso dos días, notan que teñen máis dificultades para concentrarse.
"Os primeiros días facía todo moi contenta. Pasabamos a mañá facendo xogos, fichas, todo o que mandaban, e agora cústalle máis", di unha nai. "Cústalle máis concentrarse nas tarefas de clase", conta a nai de Martina.
Todo isto entra para os expertos dentro dun comportamento normal nunha situación coma esta e mesmo destacan a responsabilidade coa que a estan afrontando os máis pequenos.
"Non adoptan condutas rechamantes, están dentro dunha anormalidade que realmente si que afecta... Pero co paso dalgún tempo poden aparecer comportamentos de tipo irascible, os nenos están máis nerviosos e máis mecosos", explica José Expósito, psicólogo clínico e terapeuta familiar.
Tristeza, medo ou ansiedade poden aparecer tamén nunha situación marcada pola incerteza.
"Informar os nenos, manter a calma e marcar pequenos obxectivos, non grandes obxectivos que non poidan ser asumibles polos nenos", aconsella Expósito.
Isto no curto prazo, a longo os expertos din que haberá que analizar se a situación deixa secuelas na poboación infantil.