CRTVG

Buscar

O confinamento desata a febre pola horticultura

Publicado o 01/06/2020 13:42

As tendas que comercializan abonos e produtos para a horta experimentaron unha gran demanda durante as semanas de confinamento, sobre todo durante os primeiros tempos de reclusión. 

Juan Manuel López Sánchez, Comercial Brión: "Creo que houbo xente que non sabía de onde saían os tomates e este ano puxo tomates. Moita xente de urbanizacións, que tiña catro plantiñas no xardín, puxo tomates e pementos. Esto foi un boom total".

Neste comercio de Brión, preto de Santiago, non daban abasto. No tocante ás plantas de flor, triunfaron as petunias. E nas de horta, esgotaron os pementos de herbón e os viveiros galegos non deron abastecido de tomateiras. Polo visto, este ano tiveron moito éxito as plantas de tomate enxertadas. 

Juan Manuel López Sánchez, Comercial Brión: "Crecemos nun cen por cento. De ter 50 ou 60 persoas ao día, pasamos a ter 100. Moitos desprazamentos a casas, a fóra do concello, porque os clientes non podían moverse. Tivemos que contratar xente".

A demanda desbordou tendas pequenas como esta de Juan Manuel, que aproveita o momento para reivindicar o papel do comercio local.

Juan Manuel López Sánchez, Comercial Brión: "Unha vez ao ano debía de pasar así para que as tendas estivésemos mellor. Pero non. Mellor que todo volva á normalidade e que todos sigamos comprando como comprabamos. O que nos gustaría é que se lle compre ao comercio local porque foi o que estivo apoiando a todo o mundo. Fixemos doazóns aos concellos, as tendas de todo Brión, e a xente debería mirar quen axudou nestes momentos tan duros para todos".

Noticias web

01/06/2020